jueves. 02.05.2024
Para axudar a familias con rapaces e rapazas federados de entre 6 e 16 anos

Rueda anuncia un bono deportivo de 120 euros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o goberno galego vai crear nos Orzamentos de 2024 un bono para as familias por valor de 120 euros por fillo ou filla, de entre 6 e 16 anos, para a compra de material e equipamento deportivo, asistir a clases ou anotarse nun centro deportivo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu un encontro de todos os membros do Goberno galego no que se abordaron os feitos, próximos obxectivos e futuro.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu un encontro de todos os membros do Goberno galego no que se abordaron os feitos, próximos obxectivos e futuro.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o goberno galego vai crear nos Orzamentos de 2024 un bono para as familias por valor de 120 euros por fillo ou filla, de entre 6 e 16 anos, para a compra de material e equipamento deportivo, asistir a clases ou anotarse nun centro deportivo. Salientou que esta iniciativa, dirixida a deportistas federados, fomentará a vida saudable das xeracións máis novas e chegará a máis de 130.000 fogares, á vez que facilitará a volta ao cole de todas as familias e incentivará as compras no comercio galego.

Así o anunciou na xuntanza cos membros do Goberno galego na que se abordaron os feitos e próximos obxectivos da Xunta na liña das políticas do Goberno galego “desde as persoas e para as persoas” e incidiu en que a “axenda da Xunta é a axenda de Galicia”. Neste senso, tamén apuntou que xa se está a traballar para elaborar un teito de gasto que permita contar cunhas contas públicas de cara ao ano que vén.

Neste encontro salientou as iniciativas que aprobou o Goberno durante o último ano, como: a Lei do litoral, para xestionar toda a costa galega na súa extensión; as medidas de apoio ás familias, coa equiparación das familias con dous fillos ás familias numerosas a efectos do IRPF; as relacionadas cos problemas de acceso a un fogar, impulsando preto de 1900 novas vivendas públicas para alugueiro e outras 3000 da man de promotores privados; as medidas relacionadas cos tributos, configurándose Galicia como unha das comunidades autónomas con menos impostos para as rendas medias e baixas; e a aposta galega polo uso de enerxías renovables coa aprobación da Lei de recursos naturais.

UNHA COMUNIDADE FORTE

Rueda afirmou que Galicia “é unha terra forte”. Salientou a capacidade da comunidade para recuperar a fortaleza económica prepandemia seis meses antes que o conxunto de España.

Isto súmase a demostración en cifras que fai Galicia cada ano batendo récords de visitantes ao consolidarse como un dos destinos turísticos favoritos por excelencia por ser unha comunidade acolledora, aberta e hospitalaria, tal e como sinalou o presidente galego.

O titular da Xunta tamén destacou “o espírito de superación que se transmite de xeración en xeración” e que sitúa Galicia á cabeza de España, de Europa e do conxunto dos países desenvolvidos en resultados de escola e emprego. Por este motivo, afirmou que a nosa comunidade é “unha terra de traballo”, na que o desemprego está en cifras máis baixas que nunca e con máis persoas cotizando que no ano 2009.

COMUNIDADE LÍDER EN APOIO ÁS FAMILIAS

Rueda destacou que Galicia leva anos traballando polas familias, pola creación de oportunidades de postos de traballo e no asentamento das bases para un futuro mellor. O sistema educativo galego é “unha referencia en inclusión das rapazas e rapaces con necesidades especiais e en apoio ás familias menos favorecidas”, sinalou o presidente.

En materia de sanidade, o goberno implantou numerosas medidas para protexer a saúde dos galegos e das súas familias. Galicia converteuse na comunidade que máis aumentou as prazas MIR de medicina de familia e nun referente na implantación de medidas contra o déficit de profesionais, afirmou o presidente.

Rueda avanzou a posta en marcha do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia para antes do fin da lexislatura e o reforzo no enfoque proactivo neste ámbito a través de Plans locais de saúde. “O reto non é só tratar a doenza, senón previla antes de que apareza”, afirmou o presidente galego.

UNHA ECONOMÍA SAUDABLE

No sector de comercio, Rueda valorou a elaboración dunha estratexia para impulsar a incorporación da tecnoloxía e a formación en novas tendencias de mercado. No rural, o goberno galego seguirá apostando pola calidade a través da recuperación e mobilización de máis de 35.000 hectáreas de terra; e no marítimo, seguirá defendo os intereses do sector ante as institucións europeas.

O presidente da Xunta asegurou que “todo aquel que confíe en Galicia e queira investir aquí non vai atopar ningunha dificultade engadida, ademais das intrínsecas a calquera aventura empresarial”. A nivel económico, salientou que Galicia obtivo moi bos resultados nos últimos anos, xa que as empresas galegas venderon ao exterior produtos por valor de 30.000 millóns de euros.

O titular do Executivo galego concluíu que Galicia seguirá trazando a liña que une a nosa tradición e Historia co noso presente e o noso futuro. Recalcou que para a Xunta é prioritario lograr unha comunidade cada vez máis igualitaria, que multiplique as opcións para formarse e promover a cultura, ademais dunha Galicia ben coidada e protexida. Para lograr todas as metas que se marca o Goberno galego, Rueda puxo en valor a experiencia, compromiso e traballo dos seus membros.

Rueda anuncia un bono deportivo de 120 euros
Comentarios