As Rías Baixas lánzanse ao escaparate internacional con LaVuelta feminina
Marín converteuse este domingo no epicentro do ciclismo internacional coa saída da etapa inaugural da categoría feminina de LaVuelta, unha cita que percorreu 113 quilómetros ata Salvaterra de Miño e que contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
O mandatario provincial participou no acto simbólico de corte de cinta na Alameda de Marín, acompañado pola alcaldesa e deputada María Ramallo, dando comezo a unha competición que celebra a súa oitava edición e que se desenvolverá ao longo de sete etapas.
O percorrido levou ao pelotón por distintos concellos das Rías Baixas, como Cangas, Moaña, Pazos de Borbén e Ponteareas, incluíndo tamén a ascensión a dous portos de terceira categoría: o Alto do Cruceiro e o Alto da Portela. Xa na meta, en Salvaterra de Miño, Luis López participou na entrega de premios ás gañadoras da etapa.
Durante a xornada, o presidente provincial puxo en valor o papel de Pontevedra como referente do ciclismo e do turismo deportivo. “Somos unha provincia amiga de LaVuelta, do ciclismo e do turismo deportivo”, afirmou, subliñando a importancia de acoller eventos internacionais para reforzar a estratexia de promoción das Rías Baixas.
Neste sentido, López destacou que a Deputación aposta este ano polo turismo deportivo como eixo clave para avanzar na internacionalización, descentralización e desestacionalización do destino, sen esquecer a sustentabilidade como un dos piares fundamentais do modelo turístico provincial.