O Porriño recoñece a triatleta Carla Guisande pola súa "tempada excepcional" e ser un "referente"

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, xunto á triatleta Carla Guisande, a quen o Concello recoñeceu hoxe publicamente pola súa "tempada excepcional" de éxitos nacionais e galegos.
O alcalde do Porriño recoñeceu a triatleta Carla Guisande pola súa "tempada excepcional" de éxitos (con ouros e pratas nacionais) e ser un exemplo de constancia e superación mentres estuda Odontoloxía.

 O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu hoxe no Concello á triatleta local Carla Guisande para recoñecer publicamente a súa "tempada 2025 excepcional", na que combinou o deporte de elite cos seus estudos de Odontoloxía na Universidade de Santiago de Compostela.

O rexedor destacou os méritos deportivos da moza, que a sitúan como unha das deportistas máis destacadas do municipio e un referente para a mocidade.

"Carla é un exemplo de constancia, esforzo e superación. Estamos moi orgullosos de contar cunha deportista que leva o nome do Porriño por todo o país e agora tamén por Europa," destacou Alejandro Lorenzo, engadindo que o sacrificio detrás dos seus éxitos merece o recoñecemento de todos.


 

Palmarés brillante e obxectivos no horizonte

 

Pola súa banda, Carla Guisande agradeceu o apoio recibido e mostrou a súa satisfacción por representar o seu pobo. "É un orgullo levar o nome do meu pobo a cada competición. Esta tempada foi moi esixente, pero estou moi contenta cos resultados. Quero agradecer ao Concello o recoñecemento e o apoio, que sempre é un impulso extra para seguir loitando polos meus obxectivos," afirmou.

O palmarés de Carla Guisande non para de medrar. Na tempada 2025 acadou importantes éxitos a nivel nacional:

  • Ouro no Campionato de España Supersprint / Relevos por Parellas (Albacete).

  • Ouro no Campionato de España de Duatlón Contrarreloxo por Equipos (Avilés).

  • Prata no Campionato de España por Relevos (Roquetas).

  • Prata no Campionato de España de Duatlón Cros.

  • Campioa Galega de Tríatlon.

A deportista xa ten o foco posto nas próximas citas, que inclúen a Copa de Europa en Lanzarote, os Campionatos de España 2025-2026, así como as Copas de Europa da nova tempada. No inverno, combinará a preparación coa participación en probas de atletismo e duatlón.

Desde o Concello do Porriño, o compromiso co deporte base e coa promoción dos talentos locais segue sendo unha prioridade, sendo casos como o de Carla Guisande unha mostra clara do potencial deportivo que existe no municipio.