O Porriño homenaxea a Brais Díaz e Xabi Fernández, campións galegos de tenis de mesa

Honra para O Porriño: Os campións galegos de tenis de mesa, Brais Díaz e Xabi Fernández, xunto ao alcalde Alejandro Lorenzo.

O Concello do Porriño homenaxeou a Brais Díaz (Sub-23) e Xabi Fernández (Infantil), campións galegos de tenis de mesa, quen levan o nome do municipio ao máis alto e se preparan agora para o Campionato de España.

 O Concello do Porriño recibiu esta mañá na Casa Consistorial a Brais Díaz e Xabi Fernández, recentemente coroados campións galegos de tenis de mesa nas categorías Sub-23 e Infantil, respectivamente. Ambos acadaron os seus títulos no Campionato Galego celebrado en Narón, nun final histórico para o tenis de mesa porriñés, onde as súas vitorias se sucederon con apenas dez segundos de diferenza en mesas paralelas.

O acto, presidido polo alcalde Alejandro Lorenzo, foi unha homenaxe ao talento, ao traballo e ao compromiso destes dous novos deportistas. Xunto a eles, estiveron presentes compañeiros e compañeiras do Club Monte Porreiro, que quixeron sumarse á celebración e compartir este momento especial co Concello.

Durante a recepción, o alcalde salientou que “Brais e Xabi representan o mellor do noso deporte: esforzo, paixón e humildade. É unha honra recibilos aquí, na casa de todos os porriñeses, e darlles as grazas por levar o nome do Porriño tan alto”. Ademais, fixo extensiva a felicitación ás súas familias, presentes tanto na competición como neste acto institucional, recoñecendo o seu "apoio fundamental" e as "horas de sacrificio compartido" que hai detrás de cada logro.

Con tan só 16 anos, Brais Díaz xa acumula un palmarés envexable. Ademais deste último título galego, destacan o bronce en equipos inclusivo no Campionato de España en idade escolar e os ouros en dobres tanto no campionato galego absoluto como no xuvenil.

Agora, tanto Brais como Xabi encaran con ilusión o reto do Campionato de España, onde continuarán defendendo os valores do seu club e do seu concello.