lunes. 17.11.2025

O Porriño prepárase para unha fin de semana intensiva de fútbol base. Esta tarde tivo lugar na Praza do Concello a presentación oficial da Galicia Cup, un novo torneo internacional que se disputará do 27 ao 29 de xuño en O Porriño, Mondariz e Ponteareas.

O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o Concelleiro de Deportes, Abel Estévez, asistiron ao acto e subliñaron a importancia desta competición para o fomento do deporte base na comarca. "Quero destacar o papel fundamental que ten o deporte base na formación da nosa mocidade, non só desde o punto de vista deportivo, senón tamén como ferramenta educativa, de convivencia e de transmisión de valores", afirmou o rexedor.

Esta primeira edición da Galicia Cup reunirá a 40 equipos (38 galegos e 2 asturianos) repartidos en catro categorías: Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete. O Campo de Fútbol do Porriño Industrial FC será un dos escenarios principais, converténdose no epicentro das actividades deportivas e lúdicas que acompañarán a competición.

Impulsada por Antón de Vicente e apadriñada polo coñecido youtuber WithZack, a Galicia Cup nace coa vocación de fomentar a convivencia, os valores deportivos e a educación a través do fútbol, combinando a competición cunha programación lúdica e de concienciación social.


 

Partido de Exhibición: Broche de Ouro para a Convivencia

 

Como colofón final ao torneo, o domingo terá lugar un partido de exhibición moi especial. Enfrontaranse unha selección de xogadores dos Concellos do Condado de Paradanta e Louriña contra unha selección de persoas inmigrantes.

Este encontro, que promete ser unha celebración da integración e a convivencia, desputarase no campo municipal do Lourambal, no Porriño, de 15:00 a 16:00 horas. Unha vez finalizado o partido, procederase á entrega de premios, poñendo así o punto final a unha xornada de deporte e unión.

O Porriño, epicentro da Galicia Cup: Un torneo que Impulsa o deporte base e a convivencia
Comentarios