O Porriño acolle o campionato de España de drons de carreiras
A pista de voo de Quintela, situada na parroquia de Pontellas, acolle por segunda vez o Campionato de España F9U Drons de Carreiras. O evento, organizado polo Club de Aeromodelismo Furaventos, reúne unha vintena de pilotos de todo o país.
A competición arrancou onte á tarde coas verificacións e os adestramentos libres. Hoxe, a xornada da mañá estivo dedicada ás probas clasificatorias, e as mangas finais, seguidas da entrega de trofeos e premios, celebraranse esta tarde.
A alcaldesa de O Porriño, en declaracións oficiais, manifestou o seu orgullo por acoller un ano máis o campionato, un evento que, segundo as súas palabras, "pon en valor o traballo e a dedicación do Club Furaventos, que promove a paixón polo aeromodelismo e o deporte de precisión". Tamén agradeceu aos pilotos e organizadores a súa implicación e desexou sorte a todos nas probas finais. Ademais, subliñou o compromiso de seguir traballando para que O Porriño sexa "un referente en eventos de este calibre e un lugar onde se fomente a innovación e o talento".
A actividade do Club de Aeromodelismo Furaventos non remata aquí. A vindeira fin de semana, os días 6 e 7 de setembro, a pista de Quintela será o escenario do Furaventos Meeting, un encontro internacional que congregará a medio cento de pilotos de España, Francia e Portugal para exhibir os seus grandes avións.