O porriñés Sergio Fernández Bacelo, campión de España de BJJ GI & NO-GI 2025
O Concello do Porriño suma un novo éxito ao seu palmarés deportivo grazas a Sergio Fernández Bacelo, quen vén de proclamarse campión de España de BJJ GI & NO-GI 2025. O deportista logrou a medalla de ouro na categoría absoluto GI e outro ouro no seu peso GI de muay thai, ademais de completar o torneo sen perder ningunha loita na modalidade No GI.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu a Fernández Bacelo na casa consistorial para felicitalo persoalmente polos seus logros. Durante o encontro, o rexedor destacou a traxectoria exemplar do deportista e a importancia de contar con talentos locais que levan o nome do municipio por todo o mundo. "Para nós é unha honra que todos vós levedes o nome do Porriño en tódalas competicións nas que participades polo mundo enteiro", afirmou Lorenzo. "E logros como os de Sergio son unha mostra de que o esforzo, a dedicación e o compromiso son exemplo e motivo de orgullo para todo O Porriño".
Sergio Fernández Bacelo, de 24 anos e veciño de Torneiros, leva cinco anos dedicándose de forma profesional ao jiu jitsu. O campión confesou que recibir este recoñecemento por parte do seu concello "é un orgullo inmenso". Ademais, agradeceu o xesto, xa que este tipo de iniciativas "dan moita forza para seguir adiante, mellorando e loitando por novos retos". Fernández Bacelo quixo compartir o recoñecemento con todas as persoas que o apoian no seu día a día, asegurando que "é un recordatorio de que o esforzo, a disciplina e a paixón polo deporte sempre teñen recompensa".
Con este acto, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co deporte e o seu apoio aos deportistas locais, recoñecendo publicamente os méritos acadados pola súa veciñanza.