Ponteareas celebra unha nova edición da San Silvestre Solidaria cun propósito benéfico a favor da AECC
O Concello de Ponteareas vén de anunciar unha nova edición da tradicional Carreira San Silvestre Solidaria, que se celebrará o vindeiro mércores 31 e que manterá como punto de encontro a praza Maior, lugar desde o que partirán todas as persoas participantes ás 16:00 horas.
Este ano, a cita deportiva contará cun marcado carácter benéfico, xa que a recadación íntegra será destinada á Asociación Española contra o Cancro (AECC), contribuíndo así ao apoio das persoas afectadas e ao labor de investigación e prevención desta enfermidade. Ao igual que en edicións anteriores, o Concello asumirá todos os gastos de organización e, ademais, realizará unha achega solidaria adicional.
O Concello anima a toda a veciñanza, deportistas e familias a sumarse a unha xornada que combina deporte, convivencia e solidariedade. As inscricións xa están dispoñibles na páxina web www.deporticket.com, polo que se recomenda formalizar o rexistro canto antes para garantir a participación.
Desde o goberno municipal queren tamén agradecer o traballo e o compromiso das entidades organizadoras das edicións previas, cuxa dedicación contribuíu a consolidar esta carreira no calendario anual.
A San Silvestre Solidaria de Ponteareas está hoxe plenamente asentada como unha das citas máis queridas e participativas, tanto no ámbito deportivo como no social, converténdose nun evento de referencia que cada ano suma máis apoio, solidariedade e entusiasmo.