A OP10K do Porriño abre inscricións para a súa XVII edición, o 22 de marzo de 2026

ARQUIVO.
A OP10K do Porriño abre inscricións para a súa XVII edición, que se celebrará o 22 de marzo de 2026, cun circuíto urbano homologado e prazas limitadas a 1.500 participantes.

A Carreira O Porriño 10K (OP10K), unha das citas máis emblemáticas do atletismo galego en ruta, abre o prazo de inscrición para a súa XVII edición, que se disputará o domingo 22 de marzo de 2026 no centro urbano do municipio. As persoas interesadas poderán anotarse ata o 16 de marzo, ou ata completar o límite máximo de 1.500 participantes, co obxectivo de garantir unha proba segura e de calidade.

A inscrición realízase exclusivamente a través da plataforma electrónica oficial, con diferentes tramos de prezo: 10 euros ata o 22 de febreiro, incrementándose progresivamente ata o peche definitivo. O dorsal inclúe chip, camiseta conmemorativa, avituallamentos, servizo médico, bolsa do corredor e acceso á zona de recuperación post-meta, entre outros servizos. As inscricións poden formalizarse na seguinte ligazón.

Como cada ano, a carreira desenvolverase nun circuíto urbano homologado pola RFEA, de 5 quilómetros, no que se celebrarán de forma conxunta a OP10K (10.000 metros) e a OP5K (5.000 metros), convertendo as rúas do Porriño nun auténtico escenario deportivo tanto para atletas de elite como para corredores afeccionados.

ARQUIVO.

A OP10K é unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo, aberta a persoas federadas e non federadas, e volverá ter un marcado carácter familiar coa celebración de carreiras para as categorías base: chupetes (nados en 2020 en adiante), pitufos (2017-2019), e tamén para as categorías benxamín (sub10), alevín (sub12) e infantil (sub14). O regulamento completo pode consultarse aquí.

A saída da 5K e a 10K realizarase de forma simultánea cun sistema de caixóns, permitindo unha saída ordenada segundo os tempos estimados de cada participante. O tempo máximo para completar a proba será de 1 hora e 30 minutos.

No apartado competitivo, a OP10K manterá unha atractiva bolsa de premios en metálico: os tres primeiros clasificados e clasificadas da xeral masculina e feminina recibirán 500, 350 e 200 euros, respectivamente. Ademais, establécese un premio especial de 500 euros para quen logre bater o récord da proba, actualmente en posesión de Serbessa Workneh Fijire (29:09, 2025) e Ester Navarrete Santana (33:18, 2024).

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “a OP10K é xa unha das grandes citas deportivas do calendario galego e unha auténtica festa do atletismo e do deporte, que cada ano reúne no Porriño a milleiros de persoas entre participantes e público”. O rexedor subliñou tamén “o enorme traballo do Club Atletismo Porriño e de todo o voluntariado, que fan posible que esta carreira siga medrando edición tras edición e situando o nome do Porriño como referencia do atletismo de ruta”.

Pola súa banda, o presidente do Club de Atletismo Porriño, Miguel Novo Regueira, salientou que “é un circuíto rápido en 10.000 m homologados, de maneira que pode ser un bo test ao principio da temporada. Ter unha marca homologada nunha carreira 10K facilita medir mellor as túas capacidades de cara ao resto de competicións do calendario”.

Desde o Concello e a organización anímase á veciñanza e aos amantes do running a participar nunha proba consolidada, rápida e atractiva, pensada tanto para competir como para desfrutar do deporte nun ambiente único, convertendo novamente ao Porriño nun punto de encontro para o atletismo galego e estatal.