Mil piragüistas tomarán o Miño este sábado co Descenso Popular e o Descenso Internacional

s autoridades e os deportistas participantes na presentación do LIV Descenso Internacional e do XIV Descenso Popular do Miño, que terá lugar este sábado.
Un total de 1.000 piragüistas participarán este sábado no LIV Descenso Internacional e o XIV Descenso Popular do Miño, que sairá desde Salvaterra con destino Tui. O evento contará coa participación de deportistas de España, Portugal e Arxentina.

Máis de mil piragüistas encherán de cor as augas do río Miño este sábado coa celebración do XIV Descenso Popular e do LIV Descenso Internacional do Miño. As dúas probas, con carácter deportivo e festivo, volverán ser un referente no calendario do piragüismo galego.

A presentación do evento tivo lugar hoxe na rúa Olímpicos Tudenses de Tui, coa participación de numerosas autoridades e deportistas. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou o compromiso do Concello co deporte e co piragüismo en particular, e recoñeceu o labor organizativo do Club Kaiak Tudense. Cabaleiro subliñou o obxectivo de converter o Descenso nun referente non só deportivo, senón tamén festivo e cultural.

Pola súa banda, Daniel Benavides, xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, e Xisela Aranda, directora de Deportes da Deputación, destacaron a Tui e ao Kaiak Tudense como referentes internacionais no piragüismo e puxeron en valor a capacidade da proba para combinar o alto rendemento coa promoción do deporte popular e do turismo deportivo.

As autoridades que participaron na presentación do LIV Descenso Internacional e do XIV Descenso Popular do Miño, que se celebrará este sábado.

O concelleiro de Deportes de Salvaterra, Edgar Martínez, amosou o seu orgullo por colaborar nun evento que tamén impulsa o turismo na súa localidade.

 

Unha xornada de deporte e festa

 

Manuel Pedrares, o novo presidente do Club Kaiak Tudense, repasou a programación prevista para o sábado:

  • 12:00h: A romaría popular comezará na ribeira de Caldelas.

  • 16:00h: Saída do Descenso Internacional dende a ribeira de Caldelas, con 480 participantes inscritos.

  • 18:00h: Espectacular saída dende terra do Descenso Popular, dende as inmediacións da Ponte Internacional de Salvaterra, con 512 deportistas de 42 clubs de España, Portugal e Arxentina.

Entre os favoritos para o podio por clubs, destacan o Ría de Aldán, o Ciudad de Pontevedra e o Ponte de Lima. En K2, Felipe e Jaime Dobarro do Club Naval de Pontevedra e Adrián e Raúl Prada do Piragüismo Rías Baixas de Boiro parten como os principais candidatos. En K1, Iván Alonso, Izan Aliaga, Antonio Palmas, Amaia Osaba e Uxía Rodríguez loitarán por subir ao podio.

O Miño vivirá así este sábado a súa grande festa do deporte, na que se espera unha gran afluencia de público para animar aos participantes.