A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolle a Galican Agility Cup, unha cita canina sen precedentes
A Feira Internacional de Galicia ABANCA é o escenario, desde hoxe e ata o vindeiro sábado, da Galican Agility Cup, un evento de agility que marca un fito na comunidade galega. Esta cita sen precedentes combina competición do máis alto nivel e intensas actividades formativas.
Este evento itinerante, considerado un dos máis importantes e esperados do deporte canino, destaca por ser a primeira "quíntupla" celebrada en territorio galego, o que significa cinco días de competición ininterrompida.
Un encontro internacional de binomios e estrelas do agility
Organizado pola asociación Galician Agility Festival en colaboración coa empresa galega de obstáculos para agility Galican Sport, a Galican Agility Cup congrega a 315 binomios (can e guía) procedentes de 22 países diferentes. Entre os participantes atópanse representacións de España, Austria, Portugal, Francia, Alemaña, Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Polonia, República Checa, Luxemburgo, Italia, Suíza, Grecia, Estados Unidos, Arxentina, Colombia, Brasil, Panamá, Chile, Venezuela e Singapur.
Estes binomios competirán desde hoxe e ata o mediodía do sábado en diversas probas puntuables para o campionato de España. A gran final chegará o sábado pola tarde coa Copa Galican, que repartirá premios valorados en 15.000€ en produtos da empresa.
Xuíces de elite e formación de vangarda
As probas serán avaliadas por catro xuíces de renome mundial, recoñecidos por deseñar circuítos seguros para os cans e, ao mesmo tempo, de gran espectacularidade. O panel de expertos está formado pola alemá Stefannie Semkat, o sueco Jocke Tangfelt, o canario Héctor Ramírez e o suízo Philipp Glur.
Ademais da competición, a Galican Agility Cup inclúe seminarios impartidos por destacadas figuras do deporte canino. Hoxe pola mañá, os formadores foron a agilitista alemá Dani Fischbach e o español Adrián Bajo, actual campión do mundo de agility na categoría “large”. Nos próximos días, Adrián Bajo estará acompañado nos seminarios pola francesa Kim Barreau e a italiana Verónica Odone.
Inicio das probas
As probas puntuables para o campionato de España comezaron á primeira hora da tarde de hoxe na Galican Agility Cup, estendéndose ata as 22:30 horas. Estas competicións continuarán ata o sábado ao mediodía, para dar paso ese mesmo día pola tarde á agardada Copa Galican.