A Deputación de Pontevedra impulsa a Sestelo Clásica Álvaro Pino como escaparate do turismo deportivo e do interior das Rías Baixas
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o potencial da Sestelo Clásica Álvaro Pino para promocionar o atractivo do interior da provincia, un dos eixos centrais da estratexia turística do destino Rías Baixas para este ano. López participou na presentación desta proba ciclista de referencia, que o vindeiro 25 de maio ofrecerá dous percorridos (75 e 129 km) polo corazón da comarca do Condado, consolidando a provincia como destino para o turismo deportivo e sustentable, grazas ao apoio da Deputación a través das súas liñas de subvencións.
Acompañado pola deputada de Turismo e alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o presidente provincial subliñou que esta cita, que rende homenaxe ao campión da Vuelta a España en 1986, Álvaro Pino, é “unha nova mostra do potencial do interior da provincia e a consolidación das Rías Baixas como un destino turístico ligado ao deporte e ao territorio”, destacando a beleza da paisaxe, con xoias como o Castelo de Sobroso no percorrido. Durante o acto, conducido polo xornalista Terio Carrera, recoñeceuse a traxectoria de Álvaro Pino e Isidro Araújo, dous ilustres exciclistas locais.
Luis López felicitou á Asociación Deportiva Plan C, organizadora do evento, e convidou a todos a participar ou a gozar como espectadores desta proba que exemplifica a capacidade da provincia para acoller eventos deportivos de calidade e aproveitar o seu territorio privilexiado para a práctica do ciclismo. “Somos a provincia do deporte porque contamos cun territorio privilexiado para a práctica de deportes coma o ciclismo, porque contamos con entidades que destacan polo seu labor como é a Asociación Deportiva Plan C e pola nosa capacidade de organizar eventos como esta proba Sestelo Clásica Alvaro Pino”, concluíu o presidente.