lunes. 02.02.2026

A Deputación de Pontevedra abre este luns 2 de febreiro o prazo de inscrición nas escolas de remo e piragüismo que se porán en marcha en 20 concellos da provincia a través do programa O Noso Club, a iniciativa provincial destinada a fomentar a práctica deportiva entre a mocidade e a ampliar a base dos clubs e federacións pontevedresas. As solicitudes poderán formalizarse mediante o formulario dispoñible na web da Deputación.

No caso da modalidade de remo, as escolas abriranse nos concellos de Bueu, Cangas do Morrazo, O Grove, Marín, Moaña, Tui e Vilagarcía de Arousa. Pola súa banda, na modalidade de piragüismo poranse en marcha escolas en Caldas de Reis, Cambados, Cangas do Morrazo, Catoira, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Mondariz, Poio, Pontecesures, Pontevedra, Ribadumia, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

O Noso Club é un programa gratuíto dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 16 anos, co obxectivo de facilitar o acceso a novas disciplinas deportivas nunha contorna accesible, de calidade e sen custo. A iniciativa busca que cada participante se sinta parte dun verdadeiro club, onde o esencial non é competir senón pasalo ben, facer amizades e gozar do deporte, con independencia do nivel.

Na actualidade, o programa conta con máis de 1.500 mozas e mozos inscritos noutras modalidades como judo, balonmán, taekwondo, loita, atletismo, baloncesto e rugby, consolidándose como unha das principais canteiras deportivas promovidas pola institución provincial.

A Deputación abre as inscricións nas escolas de remo e piragüismo do programa O Noso...
Comentarios