O Estadio de Pasarón foi o escenario da entrega dos trofeos da Copa Deputación de fútbol, nun acto que puxo de manifesto o apoio da Deputación ao deporte base da provincia. A vicepresidenta do organismo provincial, Luisa Sánchez, entregou esta mañá de domingo o título de campión da categoría masculina ao CD Cultural Areas, flamantes vencedores da competición. Pola tarde, o vicepresidente Rafa Domínguez foi o encargado de facer o propio co Domaio FC, que se alzou coa Copa Deputación feminina.
Ambos mandatarios subliñaron no estadio pontevedrés a relevancia de organizar e apoiar eventos deportivos como esta Copa Deputación, destacando que a provincia é xa “un referente en fútbol e na organización de eventos deportivos de grande envergadura”. Ademais, reiteraron o compromiso da Deputación de Pontevedra cos clubs de fútbol, co obxectivo de “seguir impulsando o deporte e engrosar as bases”.
Na emocionante final da Copa Deputación masculina, o Club Juventud Cambados e o C.D. Cultural Areas disputaron o título. O Cultural Areas chegou á final tras superar ao Juvenil de Ponteareas na tanda de penaltis, mentres que o Juventud Cambados fixo o propio fronte ao C.D. Ribadumia cun contundente cinco a cero.
No que respecta á Copa Deputación feminina, o San Roque Casablanca alcanzou a final despois de derrotar ao Atlético Villalonga B por dous goles a cero. O Domaio FC conseguiu o seu pase á final tras impoñerse nos penaltis ás Celtas B.
Cabe destacar que a Deputación de Pontevedra recuperou na pasada tempada a Copa Deputación, unha competición moi popular entre o fútbol base e as categorías da provincia, despois de varios anos de parón. O organismo provincial destinou a esta edición unha achega de 120.000 euros. Na competición participaron un total de 159 equipos masculinos e femininos da provincia adscritos ás delegacións de Pontevedra, Vigo e Santiago, inscritos nas distintas divisións da categoría afeccionados (masculinos) e sénior (femininos) de ámbito autonómico.
Este evento consolida o apoio da Deputación de Pontevedra ao deporte de base e celebra o talento dos futbolistas da provincia.
            
            
              