A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto a membros da corporación municipal, homenaxeou onte no pavillón Óscar Pereiro aos integrantes do Club Xadrez Mos A polos seus recentes éxitos deportivos.
O equipo proclamouse campión da Liga Galega na categoría Preferente tras unha tempada sen derrotas, culminando coa vitoria no PlayOff final contra o Algalia de Santiago (7-5). Este triunfo supón o regreso do Xadrez Mos A á máxima categoría do xadrez galego, situándose entre os 12 mellores clubs de Galicia e obtendo praza para competir na Liga Nacional.
A alcaldesa Nidia Arévalo eloxiou "o orgullo que supón para Mos contar cun equipo tan novo, talentoso e en continua progresión", felicitando a xogadores e directiva.
Ademais do éxito colectivo, dous xogadores do club, Xabier Pérez Sousa e Brais Otero Nogueira, lograron o título internacional de Candidato a Mestre (CM), sumándose aos xa titulados Gran Mestre Manuel Pena Gómez e Mestre FIDE Miguel Senlle Caride.
A directiva do club manifestou a súa satisfacción e xa prepara a tempada 2026 co obxectivo de consolidarse na elite. O Concello de Mos reiterou o seu apoio ao club.
            
              