Gran participación do Club Natación Ponteareas no Campionato de España Absoluto Open celebrado a pasada fin de semana en Mallorca. Unha cita clasificatoria para os campionatos de Europa e do Mundo junior, que se disputarán en Belgrado e en Fukuoka o vindeiro verán.
As tres deportistas do CN Ponteareas participantes, Sofía Carballo, Iria Lemos e Carla Carrón, tiveron en Baleares un papel sobresaínte, batendo varias mellores marcas persoais e clasificándose no top 10 en varias das súas probas.
Carla Carrón acadou cinco medallas e proclamouse campioa de España na categoría absoluto-moza nas probas de 100 e 200 metros libre, ademais de lograr a marca mínima clafisicatoria para o Campionato de Europa e o Mundial, aos que acudirá coa selección española para participar nas probas de 800, 200 e 400 libres. Nesta última proba acadou tamén a mínima para participar no Europeo Sub-23 de Dublín o vindeiro mes de agosto.
Tamén foi destacado o papel de Iria Lemos, que acadou a mellor marca galega de 17 anos nos 50 bolboreta.
O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, felicitou ao club e ás tres nadadoras “que teñen un horizonte moi ilusionante por diante, con múltiples citas e retos deportivos”.