domingo. 13.10.2024

Ponteareas celebra esta fin de semana a competición autonómica de natación con récord histórico de participación en Galicia. O complexo deportivo Álvaro Pino acolle este 14 e 15 de xaneiro o Campionato Galego Máster de Inverno, a primeira cita do ano do calendario de competicións en natación que rachará coas cifras de persoas inscritas. Organizado polo Club Natación Ponteareas en colaboración co Concello case 450 deportistas de 32 clubs de Galicia e do resto de España participarán nun encontro que atraerá a numeroso público.

“Ponteareas é unha vila cada vez máis viva e dinámica, tamén a nivel deportivo, e para nós é un orgullo e unha satisfacción seguir achegando o noso gran de area para organizar eventos de gran calado como o que temos esta fin de semana”, sinalaba a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, durante o acto de presentación do campionato. A rexedora quixo agradecer “a implicación e o grande esforzo que fan todas as persoas que traballan para facer este campionato unha realidade”. 

Un gran evento que inaugura a competición non regulada en Ponteareas que, como explicou o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, “augura un grande ano para o deporte ponteareán, un ano no que desenvolveremos moitos proxectos cos que poder vivir e gozar da actividade deportiva de forma constante na nosa vila”. “É admirable a gran capacidade para seguir sorprendéndonos con novas competicións, traballando arreo, implicando a moitas persoas e realizando grandes esforzos co obxectivo único de facernos desfrutar do deporte, o que tamén xera turismo, economía... en definitiva, vida”, recalcou.

O Campionato Galego Máster, aberto a todo o público, desenvolverase ao longo do sábado 14 e do domingo 15 con catro sesións que arrancarán ás 09.30 e ás 16.30 horas. Dado o elevado número de persoas participantes, habilitarase un espazo de esparexemento con pantalla para seguir a competición no pavillón deportivo anexo á piscina. O deputado de Deportes da Deputación Provincial, Gorka Gómez, adiantou que o campionato “será un grande éxito” e salientou o firme apoio do Concello de Ponteareas ao deporte e estes eventos “que se converten tamén en piares fundamentais do desenvolvemento económico”.

O presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño, incidiu tamén no “impacto económico que teñen as competicións nas nosas vilas, que se enchen de persoas que veñen a desfrutar do deporte, pero tamén da gastronomía, da natureza...”.

Na presentación o presidente do CN Ponteareas, Andrés Carrera, resaltou o crecemento exponencial dos participantes neste campionato “que recolle unha morea de historias que son dignas de admiración. Xente de todas as idades que volve despois de anos, que se inicia agora na natación, e que merecen todo o noso respecto. Este campionato é unha forma de render homenaxe a todas as nadadoras e nadadores desta categoría tan especial”.

Campionato Galego Máster de natación de récord
Comentarios