miércoles. 09.10.2024

Ponteareas volve ser sede unha vez máis dunha das probas máis importantes do panorama deportivo. A vila acollerá a primeira cita do calendario de competicións en natación desde 2022 coa celebración do Campionato Galego Máster de Inverno, a única cita galega que haberá nesta categoría organizada polo Club Natación Ponteareas en colaboración co Concello. Os días 15 e 16 de xaneiro o complexo deportivo Álvaro Cunqueiro acollerá a 317 deportistas, 185 nadadores masculinos e 132 nadadoras femininas. Entre as e os inscritos destacan Ramón Folch, do CN Arteixo e 85 anos, e Isabel Moral, do CN Traviesas e 80 anos, os competidores de maior idade do campionato.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo agradecer unha vez máis “todo o que está a facer polo deporte e polo conxunto de Ponteareas tanto o club como as e os deportistas e as familias”, así como das entidades privadas, xa que “é fundamental que todos acheguemos a nosa axuda, porque gran a gran constrúense os grandes desertos”. O edil destacou tamén que “é un orgullo contar cun club como o CN Ponteareas, sempre está un paso por diante e cunha valentía á hora de facer as cousas que son parte importante do seu éxito”, salientou.

Na presentación deste encontro o director técnico e presidente do CN Ponteareas, Andrés Carrera, salientou o crecemento exponencial dos participantes neste campionato, con case 100 novos participantes. Así, para poder estar na piscina en condicións de seguridade, a competición dividirase en dous días: o sábado 15 competirán deportistas menores de 45 anos pertencentes a 27 clubs galegos, mentres que o domingo 16 será a quenda das e dos participantes maiores de 45, procedentes de 32 clubs.

Entre as medidas de seguridade establecidas, as e os competidores deberán acceder ás instalacións con certificado COVID ou cunha proba de PCR ou antíxenos negativa recente e non haberá público, aínda que se colocará unha pantalla xigante no pavillón para que as persoas poidan seguir o evento. A competición tamén se retransmitirá por streaming a través da canle de Youtube do club. “Queremos agradecer a súa colaboración ao Concello, á Federación, a patrocinadores, a colaboradoras e colaboradores e ás persoas voluntarias que fan posible que sexamos o club que máis eventos organizamos en toda Galicia e que sigamos medrando en plena situación de pandemia”, salientou Carrera. O presidente quixo aproveitar a ocasión para anunciar unha boa nova: a inclusión este ano da Travesía a Nado Vila do Tea na Copa de España por primeira vez na súa historia.

Pola súa banda, o vicepresidente do CN Ponteareas, Alberto Aliaga, quixo destacar a importante simboloxía do cartel empregado como imaxe no Campionato Galego Máster de Inverno. “Non só volven as remudas, suspendidas dende a chegada da covid, senón que é unha gran homenaxe ao deporte feminino. As protagonistas son as catro nadadoras do equipo de remuda hai 2 temporadas, gañando medalla de ouro e acadando un novo récord galego na súa proba. Son un exemplo de loita e superación, compaxinando traballo, adestramentos, familia e acadando éxitos deportivos incribles”, recalcou.

Campionato Galego Máster de Inverno de natación