A CAE Interrunning 2025 do Porriño estrea percorrido no seu XIV aniversario
A menos dun mes para a celebración da CAE Interrunning 2025, o Concello do Porriño anuncia un cambio significativo no seu percorrido. Un 40% do circuíto será novo, cun trazado que busca achegar a carreira ao corazón urbano do municipio, mantendo a súa rapidez característica pero gañando atractivo visual.
A organización da proba sinala que, a pesar das modificacións, o obxectivo é conservar a velocidade e fluidez que fixeron do circuíto anterior "un dos 10K máis rápidos de Galicia". O novo percorrido pasará polas zonas recentemente acondicionadas polo Concello, reforzando a imaxe e a excelencia organizativa do evento.
O alcalde Alejandro Lorenzo subliña a singularidade da CAE Interrunning, que nesta edición integra a terceira Carreira de Empresas de Galicia e a XIV edición da proba. A carreira unifica deporte, cultura empresarial e solidariedade, xa que parte dos fondos recadados destinarase a asociacións como Aceesca, Afaga e a Asociación Española contra o Cancro. "Estamos moi orgullosos de acoller un evento que promove hábitos saudables, visibiliza o compromiso social e dinamiza o centro urbano do Porriño", afirmou o alcalde.
Centos de persoas xa están inscritas para a cita, e a organización espera alcanzar os dous mil participantes. As inscricións permanecen abertas na web www.emesports.es ata o 17 de setembro ás 20:00 horas.
A xornada festiva terá lugar o domingo 21 de setembro. A programación inclúe:
-
09:30 h: Andaina Antonio Palacios (8 km)
-
11:30 h: Saída das carreiras de 5K e 10K (categorías individual, parellas e equipos de tres)
-
12:45 h e 12:50 h: Carreiras infantís (Pitufos e Chupetes)
Tras a entrega de premios, celebrarase unha "after run party" con música e ambiente festivo, aberta a todo o público.