Bruno Iglesias lidera con autoridade e Pérez asalta o primeiro posto no Galego de ILCA en Ribeira
A segunda xornada da competición deixou catro novas mangas validadas na ría de Arousa, consolidando liderados e apertando a loita polos podios antes da derradeira xornada.
O Campionato Galego de ILCA, organizado polo Club Náutico Deportivo de Riveira, viviu unha intensa segunda xornada marcada polo forte vento do nordés, que permitiu completar catro mangas e actualizar o programa deportivo ata un total de seis probas, aplicando xa o descarte ao peor resultado.
Aínda que foi necesario agardar en terra durante un par de horas á espera de que amainase a intensidade do vento, a decisión do Comité resultou acertada e os regatistas puideron saír finalmente á auga para ofrecer un gran espectáculo na ría de Arousa. A competición, que conta co respaldo da Real Federación Galega de Vela e o apoio de diversas entidades e patrocinadores, entra así na súa fase decisiva.
Na categoría ILCA 4 produciuse un cambio na cabeza da clasificación, coa chegada de Alejandro Pérez, do Real Club Náutico de Vigo, ao liderado. Pérez supera por dous puntos a Jaime Díaz, do Club Náutico Marina Coruña, que pasa á segunda posición. O terceiro posto é agora para Daniel Iglesias, do Náutico de Riveira, mentres que Manuel Pérez, do Náutico vigués, cae á cuarta praza.
En categoría feminina de ILCA 4, Sofía Soliño, do Real Club Náutico Rodeira de Cangas, consolida o seu liderado con claridade. Séguena Ana Costas, do Náutico de Vigo, e Alexandra Lis, tamén do club cangués.
No ILCA 6 masculino, Bruno Iglesias, do Náutico de Riveira, mantense firme á fronte cunha cómoda vantaxe de sete puntos, optando por unha navegación conservadora para evitar riscos de cara aos próximos compromisos nacionais. Tras el sitúanse os irmáns Miguel e Ramón Rey, ambos do Real Club Náutico de Vigo, empatados a puntos.
Na categoría feminina de ILCA 6, Lucía Vaquerizo, do Real Club Náutico de Sanxenxo, continúa liderando con solvencia, seguida por Candela Asensio, do Portosín, e Marta Cora, do Náutico da Coruña.
Pola súa banda, en ILCA 7 a igualdade é máxima. Carlos González, do Náutico da Coruña, mantén o liderado con nove puntos, seguido moi de preto por Javier Isidro, do Real de Portosín, a tan só un punto. O terceiro posto é para Roque Viejo, do Club Marítimo de Oza.
O campionato concluirá este luns coa terceira e última xornada, tras a que terá lugar a entrega de premios, nun acto que contará coa presenza de representantes institucionais e do ámbito deportivo galego.