O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu este martes no Concello a representantes do Grupeta Pan de Zarko, club ciclista asentado no municipio, para trasladarlles os parabéns polos seus recentes logros deportivos e pola súa traxectoria de dez anos promovendo o ciclismo na localidade.
No encontro, no que tamén estivo presente o presidente do club, Roberto Ramírez, o rexedor destacou a importancia do traballo do colectivo tanto no ámbito competitivo como no social, afirmando que o Grupeta Pan de Zarko é “un exemplo de constancia, traballo en equipo e compromiso co Porriño, levando o nome do municipio ao máis alto do ciclismo galego e estatal”.
Constantino Muñoz, campión galego e vencedor da Copa de Galicia de Ciclocross
Entre os deportistas recoñecidos salientou Constantino Muñoz, vencedor da Copa de Galicia de Ciclocross 2025 na categoría Máster 40. O seu logro máis recente foi proclamarse campión galego de Ciclocross 2026, título acadado en Maceda, tamén en Máster 40.
O ciclista, afincado en Chenlo, completa o seu palmarés cun terceiro posto no Campionato Galego de BTT XCO 2025, confirmando a súa regularidade en diferentes modalidades.
Santos Lemos, subcampión de España Máster 30 de BTT Enduro
Outro dos nomes propios do club é Santos Lemos, veciño da parroquia de Budiño, que conseguiu un destacado segundo posto no Campionato de España Máster 30 de BTT Enduro. Ademais, foi tamén subcampión no Campionato Galego de BTT Enduro 2025, reforzando a presenza do club en competicións de primeiro nivel.
Un club con máis de 40 compoñentes e dez anos de traxectoria
O Grupeta Pan de Zarko cumpre este ano dez anos de actividade no Porriño e conta con máis de 40 integrantes, homes e mulleres, que compiten en distintas disciplinas do ciclismo e representan ao municipio en probas autonómicas e estatais.
Desde o Concello quixeron recoñecer non só os resultados deportivos acadados, senón tamén a contribución do club á promoción do deporte e dos hábitos de vida saudables na localidade.
