A Xunta publica unha nova convocatoria para conceder 6 prazas de colaboradores no centro galego de tecnificación deportiva

Centro Gallego de Tecnificación Deportiva.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución do 1 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2020/21, e se procede á súa convocatoria. Estes colaboradores deberán ser estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior.

O número de prazas convocadas é de 6, precisando polo menos 3 prazas ocupadas polo mesmo sexo -feminino e masculino-, co obxectivo de ter unha representación con paridade para poder garantir unha correcta atención ao colectivo de deportistas do centro e co fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial a residencia para a atención dos deportistas menores de idade. Os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.

As persoas beneficiarias destas bolsas disporán do aloxamento de domingo a venres e manutención completa -de luns a venres-, servizo de lavandaría, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia. A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, é dicir, ata o vindeiro 10 de agosto.

Con esta nova convocatoria, desde a Secretaría Xeral para o Deporte continúase coa planificación do próximo curso 2020/2021 no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. A vindeira semana publicarase unha nova convocatoria, neste caso a das prazas para os e as deportistas do centro da excelencia deportiva de Galicia, o CGTD.