sábado. 26.11.2022

Desede este pasado sábado, están abertas as inscricións para a novena edición da Eurocidade BTT, proba ciclista de montaña, organizada pola Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e subvencionada polo proxecto INTERREG UNICIDADE VALENÇA-TUI. Celebrarase o domingo 20 de marzo, con saída as 09.00 horas españolas, dende a piscina municipal de Valença.

Esta proba, que non se puido celebrar nos anos 2020 e 2021 pola pandemia, retoma a súa celebración neste ano 2022, coa expectativa de chegar ao número de participantes da oitava edición, onde máis de 1.100 ciclistas percorreron os Montes Aloia e Faro, participando nunha das probas máis recoñecidas en Galicia.

Como nas edicións anteriores, pódese optar por dúas distancias, a ruta curta de 44 quilómetros e 1.200 metros de desnivel positivo e a ruta longa, de 74 quilómetros e 2.000 metros de desnivel positivo.

As inscricións poden facerse a través da web www.biciosos.gal, onde pode atoparse toda a información dos prezos para ciclistas federados e non federados, así como as datas límites para facelas, non permitindo a inscrición no día da proba.

Dado que tanto a situación epidemiolóxica, como o protocolo federativo o permiten, a organización estableceu a cifra de 1.200 participantes como máximo, pechando o período de inscrición no momento de chegar a ese número.

Dende a Eurocidade Tui-Valença agradecese a Peña Ciclista Biciosos Rías Baixas, o traballo que está realizando en pro do fomento do deporte e do turismo deportivo, ao organizar unha das probas máis participativas da Eurocidade e unha das máis agardadas do calendario anual dos ciclistas de montaña de Galicia e Portugal.

Eurocidade BTT