A Xunta presenta o audiolibro de Castelao como peche do Ano Castelao

Infografías DL-G.
A Xunta pecha o Ano Castelao coa presentación do audiolibro Retrincos. Un ollo de vidro, unha iniciativa que aposta pola difusión da obra do autor a través de novos formatos dixitais e accesibles.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe que “non hai mellor homenaxe polo Ano Castelao que finalizar esta celebración posibilitando que, ademais de ler a obra dun dos nosos autores máis recoñecidos, tamén a poidamos escoitar”. Fíxoo durante a presentación do audiolibro Retrincos. Un ollo de vidro, unha iniciativa da Xunta de Galicia con motivo desta efeméride, materializada pola Editorial Galaxia.

Neste contexto, o representante do Goberno galego subliñou tamén “a aposta que facemos desde a Consellería pola produción de audiolibros no marco das nosas políticas de apoio ao sector do libro”, dando resposta, puntualizou, “á tendencia que viñan marcando os últimos estudos sobre os hábitos lectores”. Así, explicou que grazas á convocatoria de axudas da Xunta de Galicia, orientadas a favorecer a produción deste tipo de recursos en galego, ao longo deste ano apoiáronse 19 proxectos en colaboración con cinco empresas editoriais, cun investimento total de 76.300 euros.

López Campos destacou ademais que o obxectivo é que este tipo de contidos estean dispoñibles nas principais plataformas de venda de libros e formatos dixitais, ao tempo que se van incorporando á Plataforma de Préstamo Dixital GaliciaLe, impulsada polo Executivo autonómico. Deste xeito, incidiu en que “favorecemos o mercado editorial galego de produtos dixitais á vez que impulsamos o acceso universal á cultura para toda a poboación, como acontece neste caso con dúas das obras máis destacadas de Castelao”.

Peche do Ano Castelao

Durante o acto, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude quixo agradecer a implicación das persoas que participaron na narración dun audiolibro que, segundo destacou, “reúne dous títulos fundamentais que fan de Castelao un mestre da prosa galega e nos que aflora o seu humor afiado e a crítica social que o acompañou ao longo de toda a súa vida”. Así, en Retrincos recóllense fragmentos autobiográficos transformados en relatos, mentres que Un ollo de vidro foi a primeira obra de ficción narrativa publicada polo autor.

Con esta iniciativa, segundo apuntou o representante da Xunta, péchase un ano dedicado á figura do intelectual galego, “que contou con moi diversas manifestacións a prol do seu coñecemento e recoñecemento”. Entre elas, ademais de publicacións, actos, xornadas e exposicións, destacou a experiencia interactiva Castelao. Mirar por Galicia, que aínda se pode visitar na Cidade da Cultura ata o 11 de xaneiro, e que permite realizar un percorrido polo devir persoal, artístico e político dunha das figuras máis senlleiras de Galicia.