A Xunta destinará 10,5M€ a completar as obras do Teatro Cine Fraga e garante a súa reapertura para 2028

O representante do Goberno galego, López Campos, sadianta que no vindeiro ano rematarase o proxecto básico e de execución e licitaranse as obras que comezarán en 2027.
A Xunta destinará 10,5M€ a completar as obras do Teatro Cine Fraga, co obxectivo de reabrilo en 2028, e destinará 1,5M€ en 2026 para finalizar o proxecto de execución, que dirixirá César Portela. Ademais, en 2026 comezará a tramitación dunha nova residencia xuvenil no Ofimático e a ampliación do Museo do Mar coa integración dunha antiga vila romana.

A Xunta de Galicia investirá un total de 10,5 millóns de euros para finalizar as obras de rehabilitación do emblemático Teatro Cine Fraga de Vigo. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen asegurou que esta senda orzamentaria se estenderá ata o ano 2028, data na que se prevé a súa reapertura.

López Campos, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe o espazo e confirmou que os Orzamentos de 2026 reservan un primeiro investimento de 1,5 millóns de euros para este fin, o que reflicte o “compromiso total” do Goberno galego coa recuperación do inmoble.

Proxecto de execución e licitación

O responsable autonómico adiantou que o próximo ano 2026 será clave para o proxecto. Está previsto que se finalice o proxecto básico e de execución, que será a base para a posterior licitación dos traballos.

Precisamente, esta mesma semana pechouse o trámite administrativo para que o arquitecto César Portela, propietario intelectual do proxecto orixinal e director das actuacións xa executadas, asuma a redacción do proxecto de execución e a dirección de obras. Este contrato, asinado en colaboración coa Deputación de Pontevedra, está dotado cun millón de euros.

A previsión é que a redacción do plan estea lista no primeiro trimestre de 2026, para ser presentado en abril. Posteriormente, en 2027, iniciarase o procedemento de licitación das obras.

Novas dotacións para Vigo en 2026

Ademais do compromiso co Teatro Cine Fraga, o conselleiro de Cultura avanzou outras actuacións de calado na cidade que comezarán a tramitarse nos Orzamentos de 2026:

  • Nova residencia xuvenil no Ofimático: En colaboración coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, iniciarase a tramitación para dotar a Vigo dunha nova residencia xuvenil nunha parcela de máis de 3.500 metros cadrados. Esta nova dotación, cuxos traballos técnicos e administrativos para a redacción dos pregos comezarán en 2026, sumarase ás prazas da actual residencia Altamar para ofrecer alternativas de aloxamento á mocidade por razóns de estudo ou traballo.

  • Ampliación do Museo do Mar de Galicia: A Consellería de Cultura tamén prevé comezar en 2026 o procedemento para ampliar o Museo do Mar incorporando un xacemento de máis de 7.000 metros cadrados, identificado pola Universidade de Vigo como unha antiga vila romana. A Xunta convocará un concurso de ideas o próximo ano co obxectivo de “poñer en valor este xacemento de gran potencial cultural, científico e turístico”, segundo indicou López Campos.

O conselleiro concluíu defendendo que estes investimentos apostan por situar “aos vigueses e viguesas no centro” e demostran “o compromiso e a política decidida do Goberno galego coa cidade de Vigo” nos Orzamentos de 2026.