A Xunta celebra o Día da Ilustración cunha exposición dedicada a Siro na Biblioteca de Galicia
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia a exposición Siro. A vida nun lápis, coa que a Xunta de Galicia, en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), conmemora o Día da Ilustración. A efeméride celébrase na data de nacemento de Castelao e, neste 2026, está dedicada a Siro López (Ferrol, 1943), un dos grandes debuxantes galegos, aínda en activo.
Na súa intervención, López Campos puxo o acento “no gran labor deste autor, que traballou arreo para pór en valor a arte en chave humorística e fortalecer o tecido de debuxantes en Galicia ao longo dos anos”. O conselleiro destacou tamén a amplitude de rexistros que cultivou Siro, desde a caricatura política ata o xornalismo e o teatro, pasando pola pintura e o humor gráfico.
A mostra, comisariada pola técnica da Biblioteca de Galicia Charo Crespo e coa colaboración da AGPI, reúne máis de 50 pezas procedentes dos fondos da Biblioteca e material de debuxo cedido polo propio homenaxeado, co obxectivo de reflectir a diversidade artística do autor ao longo da súa traxectoria.
Un dos ilustradores máis recoñecidos de Galicia
Siro López iniciou a súa vida laboral como delineante na empresa metalúrxica Bazán, pero pronto decidiu dar o paso e dedicarse por completo á ilustración. Desde entón, encheu páxinas de numerosas publicacións con debuxos e artigos sobre arte, cultura e humor, salientando especialmente o seu labor como caricaturista político en La Voz de Galicia entre 1985 e 2006.
Xunto con outros debuxantes galegos como Xaquín Marín, participou en iniciativas que abriron camiños profesionais para os humoristas gráficos, como o manifesto En defensa do humor, a revista Can sen dono, o Museo do Humor de Fene ou a Praza do Humor da Coruña.
Aínda que é fundamentalmente coñecido polo humor gráfico e a caricatura política, Siro é tamén un destacado retratista, debuxante e pintor, e mesmo un creador no eido das palabras: o xornalismo, o ensaio e o teatro forman parte dunha obra onde o humor deixa pegada en múltiples formatos.
Estas facetas poden verse na exposición, que poderá visitarse de balde ata o vindeiro mes de maio. Ademais, a mostra inclúe traballos de Agustina Shuan, Santy Gutiérrez e Tamara Baz, seleccionados pola AGPI para reinterpretar a obra de Siro.
Un día para reivindicar o debuxo e os seus profesionais
O Día da Ilustración naceu co obxectivo de pór en valor o papel dos profesionais gráficos na cultura galega, mediante a homenaxe anual a un ilustrador ou ilustradora. Creado en 2014, toma como referencia o nacemento de Alfonso Rodríguez Castelao e forma parte do Calendario do Libro e da Lectura, promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Desde a súa creación, figuras como Lolita Díaz Baliño, Federico Ribas, Chichi Campos, Reimundo Patiño, Xosé Vizoso —primeiro autor en vida ao que se lle dedicou este día— foron recoñecidas pola súa traxectoria e contribución ás artes gráficas.