lunes. 17.03.2025

Vinte e dous litros de pintura distribuída en cinco cores e quince de imprimación son os que vai empregar o artista de Quintela de Leirado, Xulio Fontes, para a realización dun mural de 180 metros cadrados (40m x 4,5m) no interior do Pavillón Municipal de Entrimo, capital arraiana. 

IMG-20250306-WA0005

Agora, na parede lateral do recinto deportivo, estará representada a través da plástica de Xulio Fontes unha alegoría á raza cachena.

O autor, na súa terra natal, nas faldas do Penagache, no lugar de Forxán, terras de Quintela de Leirado, concello que fora noticia máis alá das fronteiras cando pintou os postes do alumeado público, intervención plástica da que xa non queda nada, unicamente a publicación dun catálogo naquelas datas.

IMG-20250306-WA0002

Despois de asinar o mural, onde fusionará a tradición gandeira nunha linguaxe artística contemporánea, embelecendo así o municipio e fortalecendo a súa identidade, seguirá con arte noutros proxectos no medio rural, no evento colectivo dos Muíños do Folón e do Picón, en terras do Baixo Miño, concello do Rosal. Alí, realizará unha obra da súa autoría para formar parte dunha mostra itinerante polo Camiño Portugués, desde Lisboa a Santiago de Compostela, na que participan máis de medio centenar de artistas da península, destacados creadores, entre eles Antonio Abad, Puri del Palacio, Marieta Quessada, Ana P. Serres, José Miranda, Camilo Camaño, Agustín Soage, Irene Parga, Diana Cordero, Galia Blanco, Lucía Corrochano, Waldirene Fraga, Jorge Andrés Serrano, Margarita Forteza, Orlanda Gómez, Mauro Lomba, Verónica Alcácer "La Niña Vero", e o propio Xulio Fontes, entre outros de renome.

IMG-20250306-WA0004

O artista reside no Calvario, Vigo, nunha casa onde xa non hai lugar para pendurar arte, igual que acontece no fogar da súa filla e neta, a poucos metros. Algunhas das súas obras pódense ver na Casa Pepe y Lola, na Rúa Colombia, un espazo gastronómico vigués dos preferidos do muralista, así como noutro lugar de tertulia cos amigos na Rúa do Cristo, a Churrería Manolito, onde está pendurada outra obra, "Margaridas para Marga", en homenaxe á dona do negocio.

Neste lugar o artista mostrará a sua obra pictórica no museo público municipal inaugurado o 29 de marzo de 2014 e dedicado a mestra  entrimeña, a inauguración será o día 2 de agosto, coincidindo co acto de nomeamento do Arraino@maior.

Logo de finalizar o mural en terras arraianas, volverá a Forxán, o seu berce, para continuar aquel soño a piques de rematar, intervención que dará continuidade aos murais que sorprenden non só á veciñanza, senón a todos aqueles que se achegan ao berce do soñador. Este verán tocará pintar as portas e contraventás das casas que non están habitadas, para darlle vida a través das cores elixidas por Xulio Fontes.

Xulio Fontes pinta a raza Cachena: Un mural de 180 metros en Entrimo
Comentarios