'Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida'

libro xogos
A publicación, editada pola Deputación Provincial de Lugo, recompila un total de 63 xogos tradicionais, ademais dunha guía de figuras de papiroflexia e outra para deseñar enredos e xoguetes feitos con tapóns de cortiza. O libro conta coas ilustracións de Iván Mouronte, autor dos deseño que acompañan a descrición dos xogos.

Este venres, 13 de xaneiro, ás 19.30 h na Biblioteca Municipal de Tui, terá lugar a presentación do libro “Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida”. Esta publicación foi elaborada durante o confinamento polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego e destinado para o enredo neses espazos reducidos en clima familiar. Trátase dunha ampla e variada mostra de xogos e brinquedos de doada realización que axudan á convivencia harmónica e á socialización.

A publicación, editada pola Deputación Provincial de Lugo, recompila un total de 63 xogos tradicionais, ademais dunha guía de figuras de papiroflexia e outra para deseñar enredos e xoguetes feitos con tapóns de cortiza. O libro conta coas ilustracións de Iván Mouronte, autor dos deseño que acompañan a descrición dos xogos.

Cando en marzo do ano 2020 a pandemia de COVID-19 obrigou a realizar un confinamento estrito nos fogares en moitas familias aumentou o tempo dedicado aos xogos, buscando manter entretidas as crianzas. Nese momento gañaron importancia moitos xogos tradicionais e populares, que aseguraron horas de diversión para a cativada, e dos que se podían atopar exemplos na web http://www.xogostradicionais.gal desenvolvida polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, que durante a pandemia se ocupou de difundir estes xogos a través das redes sociais e das súas propias canles dixitais.

Na presentación deste venres participarán Sonsoles Vicente, concelleira de Ensino e Cultura, Xerardo Feijoo, da A.C.P. Ponte nas Ondas, Paco Veiga da AGXPT, e Manolo García de Recuncho das Argalladas. Moderará Pepe López, profesor do IES Indalecio Pérez Tizón.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, a presentación desta obra resulta de gran interese pois ofrece tanto aos profesionais da educación, como ás familias e a todos os interesados por esta temática unha preciosa fonte de recursos, un riquísimo catálogo de xogos tradicionais galegos para xogar na casa, na escola, nos espazos públicos...