O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), coa colaboración de Gadis, organiza un debate aberto sobre o xornalismo que dá voz aos problemas sociais, coa participación de premiadas e finalistas do certame homónimo.
VIGO. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e Gadis organizan o vindeiro martes 21 de outubro o Encontro de Xornalismo Social "Somos Esenciais" no salón de actos do MARCO de Vigo (Rúa do Príncipe, 54), a partir das 19:00 horas. O evento, gratuíto e aberto ao público, busca reflexionar sobre a relevancia da información que se pon ao servizo da cidadanía e aborda as problemáticas da sociedade.
A xornada contará coa presenza de Lara Graña Prieto (gañadora do V Premio de Xornalismo Somos Esenciais) e os finalistas e gañadoras das dúas últimas edicións do certame.
Xornalismo de investigación e debate social
O encontro comezará cunha entrevista a Lara Graña Prieto, a cargo de Alba Chao Vázquez (gañadora do IV Premio Somos Esenciais). Graña, recoñecida polo seu "traballo de investigación e seguimento exhaustivo dun tema descoñecido para o gran público", afondará no proceso de elaboración da súa reportaxe no Faro de Vigo, "García del Cid", el buque de luto y cólera". Esta peza destapou as denuncias de acoso e agresións sexuais no buque oceanográfico do CSIC tras a desaparición dunha tripulante, xerando unha grande repercusión mediática.
Posteriormente, ás 19:45 horas, celebrarase o faladoiro "A información social ao servizo da xente". Nel, Lara Graña, Ángel Paniagua Pérez, Alba Chao Vázquez e Carolina Sertal Souto debaterán sobre o rol esencial do xornalismo social como vehículo condutor das preocupacións cidadás.
As e os profesionais participantes abordarán, a través dos seus traballos premiados e finalistas, temas de alto impacto comunitario como os efectos da pornografía nos máis novos, o dó pola morte por suicidio ou os casos de bebés roubados, demostrando a influencia e o carácter "esencial" desta práctica xornalística.
O "Somos Esenciais" naceu en 2021 para premiar o mellor traballo sobre a COVID-19 e transformouse nun recoñecemento anual ao xornalismo de temática social en Galicia.
