miércoles. 24.04.2024

A Cidade da Cultura de Galicia programa os sábados 20 e 27 de febreiro dous concertos didácticos en liña que, dirixidos a todo tipo de público, permitirán achegarse dun xeito lúdico á lírica medieval galego-portuguesa e á gaita de fol. Ambos concertos amosarán a influencia do Camiño de Santiago na nosa música, a través dun percorrido no tempo e no espazo polas Rutas Xacobeas da man da soprano Esperanza Mara e dos músicos e artesáns Rosa Sánchez e Pablo Carpintero.

Baixo a máxima de que os camiños “levan e traen”, este pequeno ciclo de dous concertos didácticos propón ao público familiar unha viaxe musical polas Rutas Xacobeas, como lugares de extraordinaria viveza cultural. A primeira das citas será este sábado 20 de febreiro, da man de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez para afondar nos distintos tipos de gaitas de fol que podemos atopar na Península Ibérica e tamén no occidente europeo, interpretando repertorios propios de cada zona e empregando tamén a dixitación e xeitos característicos. O seguinte sábado, 27 de febreiro, será a quenda da soprano Esperanza Mara que, partindo dun recortable dos músicos do Pórtico da Gloria, transportará á audiencia á época medieval a través dos sons de arpas, salterios, fídulas ou laúdes, e das melodías da lírica galego-portuguesa.

Os dous concertos do ciclo A música e o Camiño poderán seguirse en streaming a partir das 12,00 horas a través da canle de Youtube da Cidade da Cultura.

A GAITA A TRAVÉS DO CAMIÑO

Rosa Sánchez e Pablo Carpintero son músicos e artesáns. Xuntos levan 30 anos percorrendo os lugares da Península Ibérica e Baleares onde está presente a gaita de fol, entrevistando e gravando o repertorio de mulleres e homes ata recoller máis de 700 horas de gravacións de campo que conteñen o maior arquivo peninsular de gravacións de gaiteiros. Tamén rexistraron máis de 300 gaitas de fol antigas e replicaron moitas delas, xuntando a maior colección de orixinais e réplicas da península.

Os músicos e artesáns Rosa Sánchez e Pablo Carpintero afondarán nas variantes das gaitas de fol, mentres que a soprano Esperanza Mara propón un recital de lírica medieval cos instrumentos do Pórtico da Gloria como fío condutor.

No seu recital no Gaiás partirán dunha reprodución da gaita da Cantiga 350 das Cantigas de Santa María –a representación da gaita máis complexa daquela época en Europa–, para seguir as diferentes Rutas Xacobeas cara a Portugal e ao occidente europeo, seguindo o mesmo camiño que puido levar ás gaitas do noroeste peninsular a espallarse polo continente, a través do Camiño de Santiago no momento histórico do seu máximo apoxeo.

O talento destes dous músicos e a maxia da música permitirá ao público conseguir albiscar paisaxes abertas, como a Terra Chá, Sanabria ou o planalto Mirandés, grazas aos sons graves das súas gaitas, de pezas longas e grandes palletas, e aos xeitos de tocar sobrios característicos desas zonas. Ou mergullarse nos sons dos vales pechados entre montañas, das zonas do Eo-Navia ou asturianas, onde xorden gaitas agudas, con pezas curtas e pequenas palletas, con músicas floridas en detalles.

A LÍRICA MEDIEVAL

Esperanza Mara é unha artista e creadora multidisciplinar dobremente licenciada en música, na variante de canto e violonchelo barroco, polo Conservatorio Superior de Música de Vigo e a Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto. Posúe un mestrado en Interpretación en Música Antiga na especialidade de canto e actualmente desenvolve heteroxéneos proxectos desde a recuperación de arrolos de tradición oral ou a mestura de ópera e cultura urbana.

Neste concerto no Gaiás, a través do fío condutor do Pórtico da Gloria –un dos mellores referentes artísticos que temos para o coñecemento dos instrumentos medievais– interpretará un repertorio baseado nas Cantigas de Santa María de Afonso X. Ao mesmo tempo, o público poderá coñecer os instrumentos que chegaron aos nosos días derivando directamente dos que representou o mestre Mateo na catedral compostelá, transportándose no tempo a través das músicas que hai oito séculos podían escoitar as e os peregrinos no seu percorrido, e aprender sobre o contexto histórico-musical no que se fixeron esas composicións.

Un percorrido musical polo Camiño de Santiago