Tui prepárase para conmemorar o centenario do pasamento de Manuel Lago González (Tui, 1865-Santiago de Compostela, 1925), arcebispo de Santiago de Compostela e figura destacada do galeguismo. A Real Academia Galega (RAG) e o Concello de Tui organizan unha homenaxe ao relixioso e escritor tudense, que terá lugar esta tarde (19:00 horas) e que abre o calendario de actos conmemorativos.
O acto contará coa participación do teólogo Andrés Torres Queiruga, quen retratará a figura de Lago González como un intelectual preocupado polo galego e a historia de Galicia, e como un dos membros fundadores da RAG en 1906. Tamén intervirán o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, así como os músicos do Conservatorio Municipal de Tui, que interpretarán composicións para poemas do homenaxeado.
Lago González, o primeiro galego en ser elixido arcebispo de Santiago de Compostela en cento vinte e cinco anos, foi un defensor da lingua e da cultura galegas, e un impulsor dos Xogos Florais de 1891, os primeiros da historia que se desenvolveron integramente en galego.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destaca a "ampla herdanza" de Lago González, que contribúe ao "acervo patrimonial" da localidade. Pola súa banda, Víctor F. Freixanes salienta a "sensibilidade arredor da lingua e da cultura galegas" do homenaxeado.
A homenaxe inclúe un paseo literario pola localidade o domingo 16 de marzo, unha mesa redonda o luns 17 e unha conferencia o martes 18, día do centenario do pasamento de Lago González.