A cidade de Tui converterase nun epicentro cultural durante os meses de maio e xuño coa celebración de “Tui en letras”, un programa que ofrecerá preto de vinte actividades centradas na promoción do libro, a lectura e a cultura galega. A iniciativa da Concellería de Ensino, Cultura e Mocidade terá como puntos álxidos a conmemoración do Día das Letras Galegas e o aniversario dos Xogos Florais de Galicia.
A concelleira Sonsoles Vicente Solla subliñou o esforzo do Concello para ofrecer “unha oferta cultural para todas as idades: presentacións de libros, recitais, contacontos, exposicións...”. Destacou especialmente a celebración da XXVI Feira do Libro Galego, que un ano máis sacará á rúa as novidades editoriais en lingua galega grazas á participación das librarías tudenses Iris e Nobel.
Unha programación para todos os gustos:
O programa “Tui en letras” arrancará o martes, 6 de maio, ás 17.30 h na Biblioteca Municipal co contacontos “Bichocas” de Xarope Tulú. Ao día seguinte, mércores 7, a xornalista mexicana Laura Martínez Alarcón presentará a súa novela “El baúl de la República” na Sala Félix Rodríguez ás 20 h.
A programación continuará con diversas exposicións: o venres 9 abrirá no Anexo da Sala Municipal de Exposicións a mostra “Cantareiras: poesía popular oral” con motivo do Día das Letras Galegas, e o venres 16 inaugurarase na Sala Municipal de Exposicións a exposición “Borders” de Jacinto Lara, que poderá visitarse ata o 28 de xuño.
O luns 12 de maio, ás 20 h na Sala Félix Rodríguez, terá lugar a presentación das novelas “Martín no sabe morir” e “El ruido de los tonos grises” de Lisi da Silva. O mércores 14, a praza de San Fernando acollerá a XVI Tui Le, unha iniciativa das bibliotecas escolares tudenses e da Biblioteca Municipal para achegar os libros e a lectura á cidadanía.
O Día das Letras Galegas como eixo central:
O sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, será unha xornada festiva coa celebración da XXVI Feira do Libro Galego no Paseo da Corredoira. O historiador Bieito Alonso será o encargado de dar o pregón ás 12 h. A programación continuará co espectáculo “Os mundos de Elisa” da compañía Espectacular (12.15 h), a actuación musical de María Faltri con “Coa pandeireta na man” (18 h) e a música tradicional das Cantareiras da Asociación Cultural da Darraia (19 h).
Máis actividades en maio e xuño:
O programa de maio completarase co contacontos “Historias fabulosas con maxia” de Elisa Alfaya na Biblioteca Municipal o martes 20 ás 17.30 h, a presentación do libro “Sobredo” de Quico Paz Antón no edificio Francisco Sánchez o venres 23 ás 20 h (onde tamén intervirá Bieito Alonso), e o contacontos “Descontacontos” con Galitoon na Biblioteca o martes 27 ás 17.30 h.
O mes de xuño comezará con dúas exposicións: “O Herbario de Rosalía” no Anexo da Sala Municipal de Exposicións do 2 ao 14 de xuño, e unha mostra dos traballos da Asociación de Amas de Casa de Tui na Sala “Telón” do edificio Francisco Sánchez do 2 ao 11 de xuño.
Co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, o mércores 4 de xuño presentarase o libro “Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo” de Francisco Peña Castiñeira na Sala Félix Rodríguez ás 20 h.
Peche conmemorativo dos Xogos Florais:
“Tui en Letras” culminará coa conmemoración do CXXXIV aniversario dos Xogos Florais de Galicia. O xoves 19 de xuño, o Paseo da Corredoira acollerá a exposición “Tui nas letras”. O mércores 25, o Espazo Sociocultural da rúa Camilo Jose Cela será o escenario do espectáculo “Cintaadhesiva”, con poemas de Silvia Penas e música de Jesús Andrés Tejada (20 h). Finalmente, o xoves 26 de xuño, presentarase o libro “Obra en galego de Francisca Herrera” na praza do Pracer ás 20 h, seguido do descubrimento dunha placa conmemorativa na casa familiar da autora na mesma praza.
Con esta ampla e variada programación, Tui reafirma o seu compromiso coa difusión da cultura galega e o fomento da lectura entre a veciñanza e os visitantes.
