Tui celebra o Día do Apóstolo Santiago reivindicando o seu papel como "capital do Camiño Portugués"

ARCHIVO.

O Concello de Tui organiza do 23 ao 25 de xullo catro actividades para celebrar o Día do Apóstolo Santiago, destacando a súa condición como "capital do Camiño Portugués". A programación inclúe unha conferencia sobre a raíña Santa Isabel, dous concertos (Germán Díaz e Furia Sotelo) e unha camiñada polo Camiño Portugués.

 A cidade de Tui prepárase para celebrar a festividade do Apóstolo Santiago, este venres 25 de xullo, cunha serie de actividades organizadas polo Concello que reivindican o papel da localidade como "capital do Camiño Portugués a Santiago". Numerosos peregrinos percorren xa estas rutas neste tramo final de xullo, e Tui quere destacar a súa tradicional hospitalidade e a súa rica oferta cultural.

Baixo a denominación de "Tui capital do Camiño Portugués – cultura no camiño portugués", a programación desta semana inclúe catro actividades deseñadas para todos os públicos:


 

Conferencia e concertos en espazos históricos

 

O mércores, 23 de xullo, ás 20:30 h, a Igrexa de San Domingos acollerá a conferencia "700 anos da peregrinación da Rainha Santa", impartida por Rafael Sánchez Bargiela, historiador e membro do Instituto de Estudios Tudenses. A charla conmemora a chegada á catedral de Santiago de Compostela da raíña Isabel de Aragón, popularmente coñecida como "A Rainha Santa", o 25 de xullo de 1325, tras a súa célebre peregrinación dende Coímbra, que deixou unha fonda pegada na cultura popular de Galicia e Portugal.

O xoves, 24 de xullo, ás 21:30 h, a Igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns será o escenario do concerto ilustrado "Germán Díaz - A zanfona e o Camiño de Santiago". Unha proposta única na que se interpretarán músicas históricas —e imaxinadas— baseadas na tradición sonora dos Camiños a Santiago. O concerto estará ilustrado con representacións da zanfona atopadas en igrexas e monumentos ao longo dos itinerarios xacobeos, destacando a relevancia milenaria deste instrumento na peregrinación.


 

Camiñada e espectáculo multidisciplinar

 

O venres, 25 de xullo, día grande do Apóstolo, a xornada comezará ás 9:00 h coa camiñada comentada polo Camiño Portugués. Con saída na rúa Olímpicos Tudenses e chegada á Capela de Nosa Señora do Camiño, esta actividade busca promover a valorización da traza do Camiño Portugués pola cidade de Tui, achegando aos participantes os seus tesouros patrimoniais e a memoria dos peregrinos.

Pola noite, ás 21:00 h, a Igrexa de San Domingos acollerá o concerto e espectáculo de danza "Furia Sotelo - Camiños que parten". A compañía Furia Sotelo presenta esta proposta multidisciplinar para todos os públicos, que combina música en directo e danza. O espectáculo enlázase cunha intervención musical de Mounqup, e está concibido como unha viaxe a través dos elementos naturais (vento, rochas, ríos e cinza) que serviron de inspiración para o último disco de Mounqup, "Aquelarre". Unha homenaxe ás mulleres do campo galego, fortes e traballadoras.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, destacou que estas actividades "amplían e diversifican a oferta cultural tudense neste mes de xullo, ao tempo que nos ofrecen a posibilidade de participar nestes concertos en lugares de grande interese patrimonial como son a igrexa de San Domingos e a igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns, dous fitos no Camiño Portugués".