Tui celebra o 14º aniversario da Eurocidade con un concerto conxunto co Conservatorio e a Academia de Valença
O Teatro Municipal de Tui acollerá o vindeiro sábado 7 de febreiro, ás 20.00 horas, o Concerto Conmemorativo do 14º Aniversario da Eurocidade Tui–Valença, unha cita na que a música volverá servir como linguaxe universal e símbolo da unión entre as dúas beiras do Miño.
O concerto estará protagonizado pola Academia de Música da Fortaleza de Valença e o Conservatorio Profesional de Música de Tui, e porá en valor o intercambio artístico e as relacións humanas que se tecen a diario na Eurocidade. Sobre o escenario actuarán músicos que estudan, ensaian e medran xuntos, con independencia do lado do río no que se atopen.
A identidade cultural compartida quedará reflectida nun programa intercultural que propón ao público unha viaxe por sons do fado, da gaita e outras formacións, con pezas para todos os gustos. Como peche do espectáculo, os intérpretes ofrecerán unha versión conxunta do Himno da Alegría, que será cantado polos coros da Academia e do Conservatorio en portugués e galego, cunha mensaxe de unión, fraternidade e valores europeos que definen a Eurocidade Tui–Valença.
O evento contará tamén coa intervención institucional do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e do presidente da Câmara de Valença, José Manuel Carpinteira, reafirmando unha cooperación sólida construída con visión, proximidade e confianza mutua.
Este concerto, sinalan dende a organización, non é só unha conmemoración, senón a expresión viva dun territorio sen fronteiras. A entrada será de balde ata completar o aforo do Teatro Municipal de Tui.