domingo. 14.07.2024

'Terribles de Donas' voltan, este xoves 23, ás 21.00 horas, a ofrecer espectáculo musical en Pazo da Escola-Mañufe-Gondomar.

'Terribles de Donas' é un grupo histórico do Val Miñor fundado polos anos trinta do século pasado, despois de anos sen tocar a fins do século XX volve a estar en activo con varios compoñentes da familia dos fundadores, gravan tres discos: Abrollido (2008), Pedramoura(2011) e Alcoucer (2017), fanlle un programa monográfico na TVG (Alalá) e teñen unha presencia mediática importante tanto na televisión como na radio galega actuando por toda Galicia e Portugal.

No ano 2015 o grupo abre unha nova etapa como segunda formación do século XXI e novos proxectos, seguen a tocar os dous membros herdeiros dos fundadores Manolo Sousa e Suso Sousa continúa con eles Xaime Estévez e incorpóranse os novos gaiteiros e saxofonistas Adrián Fernández e Jaime Estévez Moreira. Esta nova formación xa actuou por diversos escenarios de Galicia e Asturias sos ou colaborando con outras agrupacións.

No ano 2019 celebran o oitenta aniversario do grupo a revista de ámbeto galego Sermos Galiza dedicoulle un monográfico en xaneiro e Manolo e Suso Sousa foron agasallados coa homenaxe ao gaiteiro deste ano polo colectivo A Buxaina de Coruxo. Colaboran ocasionalmente con eles agrupacións como as Pandereteiras Monteboi de Baiona, o Coro Galego do Círculo Cultural Abrente de Mos, Os Novos Galiños de Belesar ou o grupo de música tradicional Sons do Abrente ademais de colaboracións con pandereiteiras ou violinistas (no último disco participan todos eles).

Entre as características máis salientables deste grupo están:
• Oitenta anos de historia
• o seu carácter interxeracional (tres xeracións xuntas no escenario)
• Repertorio histórico propio e orixinal
• Manolo Sousa, o tamborileiro, tocou nos anos cincuenta co grupo orixinal
• Seguen no grupo familiares directos dos fundadores
• Novas composicións ó estilo tradicional polos novos compoñentes
• Diversos formatos de concerto: Didácticos, con grupos colaboradores ou sos.

'Terribles de Donas' voltan ao escenario en Gondomar