'Setembro Xudeu' en Tui: Unha viaxe ao pasado sefardí da cidade

Fragmento do cartafol.
A cidade de Tui celebra o seu “Setembro Xudeu” cunha completa programación de actividades culturais e turísticas que inclúe visitas guiadas, concertos e proxeccións. O evento busca poñer en valor a historia e o patrimonio da comunidade xudía local, co apoio da Rede de Xuderías de España.

A cidade de Tui afondará na súa rica historia e patrimonio coa celebración do “Setembro Xudeu”, un programa de actividades que resaltan o papel histórco da súa comunidade xudía e criptoxudía ao longo de varios séculos. Ao longo do mes, desenvolveranse máis de dez propostas culturais e turísticas para achegar a veciñanza e os visitantes a este legado.

Desde 2006, e especialmente dende a súa incorporación á Rede de Xuderías de España en 2019, Tui participa anualmente nas Xornadas Europeas da Cultura Xudía, que conectan a 37 países. Este ano, a temática "O Pobo do Libro" busca preservar o legado sefardí e promover o coñecemento das contribucións históricas e culturais das comunidades xudías en 21 cidades españolas.

 

Programación completa do “Setembro Xudeu”

 

O programa de actividades inclúe unha diversidade de eventos para todos os públicos:

  • Exposición e música: O xoves 4 inaugúrase a exposición bibliográfica “La Edad de Oro de los judíos de Al-Andalús” e o venres 5 haberá un concerto de música sefardí á luz das candeas con "2naFronteira" na praza do Pracer.

  • Visitas guiadas e rutas: Haberá múltiples oportunidades para explorar o patrimonio xudeu de Tui con visitas guiadas os días 7, 13, 20 e 27 de setembro. Destaca a visita ao patrimonio da Eurocidade Tui-Valença e a ruta “Presenza xudía na catedral”.

  • Cinema e gastronomía: O xoves 11 e o xoves 25 proxectaranse as películas "Sefarad" e "Santo Oficio" respectivamente, en colaboración co Cineclub Tui. Ademais, o venres 19, o Parador de Turismo de Tui acollerá unha cena sefardí con música, con reserva previa. Durante todo o mes, o Parador tamén ofrecerá un menú especial.

  • Actividades interactivas: O domingo 21 os participantes poderán desfrutar dun scape room, "A comunidade xudía de Tui".

Ademais, cada mércores de setembro, a Radio Municipal de Tui emitirá programas especiais, e nas redes sociais haberá un concurso fotográfico cun photocall na Oficina Municipal de Turismo.

Todas estas actividades están organizadas polo Concello de Tui co apoio da Rede de Xuderías de España – Camiños de Sefarad, e forman parte da iniciativa "Cidades que Abrazan o Patrimonio Xudeu", que busca combater o antisemitismo e preservar a cultura xudía.