Semana do Cinema Galego

Do 14 ao 19 de marzo a IV Semana do Cinema Galego regresa á cidade da Coruña para festexar a gran celebración cinematográfica non competitiva do país. A cidade herculina recunca como a anfitrioa do mellor do talento audiovisual galego e consolídase como sede desta cita impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA), que conta co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña.

Durante seis días o Teatro Colón vai volver estender a alfombra vermella para recibir unha coidada programación co máis salientable da produción audiovisual galega do último ano.

Logo da boa acollida da última edición, con máis de 3.000 espectadoras e espectadores que encheron os pases dos dez filmes proxectados, a Semana do Cinema Galego repite fórmula e aposta de novo por poñer o foco no encontro entre público e artistas. O acceso as proxeccións do encontro será de balde, con reserva previa de entradas, que se activará nas datas próximas á súa celebración.

Vai ser unha semana para celebrar a puxanza do audiovisual galego na compaña dos seus profesionais, coa Coruña como escenario e como catalizadora dos diálogos entre os equipos artísticos e os asistentes ás proxeccións do Teatro Colón. Precisamente, o rol da cidade queda patente tanto no cartel como no vídeo de presentación desta nova edición, onde os emblemáticos farois de inspiración modernista do paseo marítimo coruñés son os protagonistas.