martes. 04.11.2025
O Ateneo de Santiago organiza, para o martes 13 ás 19:00 horas na sala da Rúa do Vilar, 19, a presentación do libro "Un Comisario en el Consejo de Europa", escrito por Álvaro Gil-Robles, primeiro Comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa. 1 O acto contará coa presenza do autor, xunto ao Profesor Emérito de Dereito Administrativo da USC, José Luis Carro Fernández-Valmayor, e o xornalista Valentín Carrera, membro do Ateneo. 

A obra ofrece unha análise detallada da creación e funcionamento do Comisario de Dereitos Humanos, figura clave no panorama europeo. A través dunha crónica persoal e reflexiva, Gil-Robles narra as súas experiencias durante sete anos á fronte deste cargo, en contextos de alta complexidade como Chechenia, Kosovo ou Xeorxia. O libro combina a análise xurídica e política con experiencias directas sobre o terreo, e ofrece unha perspectiva única sobre a relación entre o Consello de Europa e outras institucións como a Unión Europea.

Álvaro Gil-Robles, referente europeo na defensa dos dereitos fundamentais, é Doutor en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, foi profesor de Dereito Administrativo e desempeñou os cargos de primeiro Adxunto e Defensor do Pobo en España. Entre 1999 e 2006, ocupou o cargo de Comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa. A súa traxectoria profesional, marcada polo compromiso cos valores democráticos e a protección dos dereitos das persoas, queda reflectida na súa prolífica obra, que inclúe numerosos libros e artigos especializados.

Santiago acolle a presentación de 'Un Comisario en el Consejo de Europa' de Álvaro...
Comentarios