Salceda de Caselas vibrará con Dakidarría este sábado no +Música da Deputación
A música enche este sábado 19 de xullo as prazas da provincia de Pontevedra coa nova edición do programa provincial +Música, que ten como obxectivo apoiar a programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes e fomentar a lingua e cultura galegas. Salceda de Caselas será un dos epicentros desta iniciativa, ao recibir a Dakidarría, un dos grupos máis senlleiros dos festivais galegos.
A actuación de Dakidarría terá lugar na Praza do Concello de Salceda ás 23:59 horas. Despois de vinte anos de traxectoria nos escenarios, a banda recala en Salceda para ofrecer un espectáculo musical que fusiona diversos estilos como o rock, ska, reggae ou hip-hop, garantindo unha noite de enerxía e ritmos potentes para o público salcedense.
Paralelamente, o programa +Música levará a Mondra á Praza do Seixo de Tomiño ás 22:30 horas, presentando a súa proposta máis persoal e acústica, centrada na voz e as percusións tradicionais.
+Música: Impulso á cultura descentralizada na provincia
Os concertos de Mondra e Dakidarría son só dúas das 78 actuacións que o programa +Música da Deputación de Pontevedra celebrará entre maio e decembro en 59 concellos da provincia. Cun orzamento de 700.000 euros, 100.000 máis que na edición anterior, a Deputación asume os custos dos espectáculos, impulsando así a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.
A través de +Música, a institución provincial aposta firmemente pola descentralización da cultura e a programación de eventos culturais de calidade, levando a música e a arte a todos os recunchos da provincia.