Do 24 ao 27 de xullo, a Praza do Calvario converterase no epicentro da Festa de Verán do Pilar no Rosal, ofrecendo un programa completo e diverso para todas as idades. Música, baile, actividades culturais, un torneo de xadrez e espectáculos infantís encherán de vida as rúas do concello. O momento máis agardado será o concerto de The Rapants, que actuarán acompañados pola Banda da Agrupación Musical do Rosal (AMdOR).
A celebración arrincará o xoves 24 de xullo ás 20:00 horas coa VII edición do Festival Xente Xida. Este encontro contará coa participación dos Ventos de Comesaña, Abóbriga, os rosaleiros Lirolai e o infaltable Trebón dos Xidos. Como é xa tradición, a gastronomía popular estará presente co porco ao espeto, nunha noite pensada para o encontro e a festa.
Música, tradición e xadrez para todos
O venres 25 de xullo comezará cunha misa cantada polo Coro Ecos do Folón, seguida dunha procesión acompañada pola Banda da AMdOR. Pola tarde, ás 16:00 horas, celebrarase o VI Torneo de Xadrez Concello do Rosal nos xardíns do Concello, no que participarán cen xogadores de todas as idades. Xa pola noite, ás 20:00 horas, terá lugar o Encontro dos Pobos, que traerá á rúa a música e os bailes tradicionais da man da Asociación Do Lusco e Fusco e Santa Columba, de Ribadelouro, e Itxas-Alde, do País Vasco.
O prato forte da festa chegará o venres ás 22:00 horas, co esperado concerto de The Rapants. A banda muradá, unha das formacións con máis proxección da escena galega actual, actuará acompañada pola Banda da AMdOR, prometendo un espectáculo único que encherá a praza. A noite prolongarase co AMdOR Fest DJ’s, para quen desexe seguir bailando.
Sabor caribeño e cine mudo con música en directo
O sábado 26 de xullo ás 22:00 horas será a quenda do Septeto Santiaguero, unha das agrupacións máis recoñecidas da música tradicional cubana. Gañadores de dous Premios Grammy Latinos, traerán ao Rosal un espectáculo vibrante e cheo de sabor caribeño, garantindo unha noite inesquecible.
Para pechar a programación, o domingo 27 de xullo estará dedicado aos máis pequenos e aos amantes do cine. Ás 20:00 horas chegará Cuacac!, un espectáculo que mestura circo, teatro e danza cun personaxe torpe e entrañable como protagonista. Para finalizar a festa, ás 22:30 horas proxectarase o clásico do cine mudo "O Maquinista da General", de Buster Keaton, con música en directo do grupo Caspervek, que repite presenza tras o éxito do ano pasado.
A Festa do Pilar de Verán 2025 volve con forza e ilusión, consolidándose como unha das citas culturais máis destacadas do Rosal. Un evento que combina tradición, innovación e celebración, fomentando a vila e a comunidade durante catro días inesquecibles.
