Durante dúas xornadas, sábado e domingo, celebrouse esta fin de semana unha nova edición da Festa do Viño e da Cereixa, a XIX edición, nun enclave único entre os municipios de Saviñao e Chantada. Ata alí achegáronse os amantes dos caldos e as cereixas, así como tamén artistas e intelectuais de Galicia que ladeaban as beiras do río que vén de Fonmiña, no seu paso por Belesar. Entre eles atopábanse o pintor de Crecente, Diz; o creador da Cañiza, Diego de Giraldez; e Xosé Miranda, chegado desde Vigo, autor do cartel da presente edición.
Porén, o protagonista de luxo deste ano 2025 foi Xosé Reinaldo Pol García, natural de Alcalá de los Gazules e residente en Montefurado (terras de Lugo), profesor xubilado que noutrora fora corresponsal de Antena 3 Radio en Galicia. Pol García atesoura un centenar de premios e distincións a nivel nacional e internacional, é Cronista Oficial de Quiroga e, fundamentalmente, poeta.
Foi, sen dúbida, o eloxiado xunto cos produtos:
"Canto daría por ser merlo ou malvís para nestas cerdeiras vivir cantando moi ledo e feliz porque estas terras de Belesar son remanso de paz"
As primeiras gabanzas foron para as cereixas do poeta, quen estivo acompañado no palco polos adegueiros Eusebio Prado, da Adega Fontao; Ramón Rodríguez Porto, de Terras de Bendaña; Francisco Varela, de Condado de Sequeiras; así como pola primeira autoridade de Chantada, Manuel Lorenzo Varela Rodríguez. Todos eles reflectíronse nas augas transparentes do Miño que pasaban á beira, igual que o autor de "Jardín del bajo Guadalquivir" no Día das Letras Galegas, o dezasete de maio, na plenitude primaveral. Desde o palco, Pol García cantoulle a unha manifestación atenta e eloxiou o enclave, mesmo por onde cruzan os peregrinos polo Camiño de Inverno en dirección a Santiago de Compostela.
"E un momento ideal para xuntanzas festivas, citas que eiqui na Ribeira Sacra, tendo por testigo o Pai Miño nesta paraxe chantadina de O Saviñao, exemplo de ponte entre dous fermosos pobos que teñen por vínculo este río galego neste lugar que parece de ensoño, onde a realidade está mesturada coa máis grande pantasía".
Os bancais do Saviñao, transparentes nas augas miñotas, igual que o público asistente atento á invitación do pregoeiro:
"Levantemos as nosas copas cheas da esencia do Rei da Ribeira Sacra para louvar as fillas da Raíña da Primavera, degustando a guinda da festa, a nosa cereixa, que merece toda admiración e respecto porque pouco dan, sen esforzo laborioso pola nosa parte, froito tan abraiante".
Unha vez finalizada a intervención, os asistentes degustaron exquisiteces culinarias, co postre festexado e regadas cos caldos cultivados baixo as carpas dos propios adegueiros. Un luxo.
            
            
            
              