martes. 25.06.2024

O responsable de comunicación dixital do Museo del Prado, Javier Sainz de los Terreros, exporá este martes 28 de maio o modelo de éxito das redes sociais deste centro museístico no Ciclo de Cultura Científica da Xunta.

Baixo o título Estratexias de comunicación dixital. As redes sociais do Museo do Prado, a conferencia de Sainz de los Terreros afonda na revolución que supuxeron dos medios sociais e dixitais na forma na que nos comunicamos e na fórmula aplicada na estratexia dixital do centro museístico: humanizar, honestidade e transparencia. Así mesmo, abordará a influencia na nosa vida diaria da tecnoloxía asociada, como os algoritmos, o uso dos datos e a intelixencia artificial.

Javier Sainz de los Terreros é licenciado en Humanidades e en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Navarra, e máster en Xestión e Políticas Culturais na City University de Londres. Leva máis de dez anos como responsable de comunicación dixital do Museo do Prado, responsabilidade na que desenvolve unha estratexia de vídeos en directo diarios a través de Instagram, para mostrar aspectos menos coñecidos da colección do centro, cun gran éxito de audiencia, que posteriormente estendeu a TikTok.

RECOÑECEMENTOS A NIVEL MUNDIAL

Entre outros recoñecementos, conseguiu para a institución dous Webby Awards da International Academy of Dixital Arts & Sciences, galardón que celebra a excelencia na internet e en 2022 foi seleccionado na lista de top 50 Museum Influencers da revista internacional Blooloop. No mesmo ano, o museo recibiu o premio ForYouFest 2022 de TikTok na categoría contido educativo. Ademais, The New York Times recomenda a do Prado como unha das cinco contas de arte a seguir.

O relatorio poderá seguirse de forma presencia no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén será retransmitida en streaming na canle de YouTube da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

CALENDARIO DO CICLO

A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta, baixo o lema Tecnoloxía con sentidiño, vai chegando ao seu final, tras as conferencias de Héctor Ruíz Martin, Espido Freire, José César Perales e Juanjo Montiel. 

O 4 de xuño será a quenda de Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en intelixencia artificial do Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña, quen abordará o impacto das novas tecnoloxías na sociedade con Educación na era da intelixencia artificial: vaiamos a modo.

A última conferencia desenvolverase o 11 de xuño, da man de Luis Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas. Achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.

O ciclo está dirixido ao público en xeral, comunidade educativa e aos docentes. O profesorado asistente ao ciclo completo recibirá un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas. 

O responsable de comunicación dixital do Museo do Prado expón o martes no Gaiás o seu...
Comentarios