A Real Academia Galega homenaxea este domingo a Begoña Caamaño no acto central das Letras Galegas
A Real Academia Galega celebrará este domingo no Teatro Principal de Santiago de Compostela o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas 2026, dedicado á escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño (1964-2014). O acto central do 17 de maio, que comezará ás 12:00 horas e será de entrada libre ata completar capacidade, contará coas intervencións académicas de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes, mentres que o presidente da institución, Henrique Monteagudo, será o encargado de pechar a sesión. A música correrá a cargo de Sofía Espiñeira.
A celebración, organizada coa colaboración do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, poderá seguirse tamén en directo a través da páxina web da Real Academia Galega e da súa canle oficial de Youtube.
A homenaxe deste ano reivindica tanto a traxectoria literaria como o compromiso xornalístico de Begoña Caamaño, unha autora que, malia iniciar tarde a súa carreira como novelista, deixou unha fonda pegada nas letras galegas contemporáneas coas obras Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). Ambas novelas reinterpretan mitos clásicos desde unha perspectiva feminista e abordan cuestións universais como o amor, a liberdade, a morte ou os conflitos éticos e sociais.
A Real Academia Galega destaca tamén a súa figura como xornalista comprometida coa lingua galega, o rigor e a honestidade profesional. Tras os seus inicios en emisoras viguesas como Radio Noroeste e Radio Popular de Vigo, incorporouse á Radio Galega, onde desenvolveu boa parte da súa carreira en programas como Diario Cultural, Andando a Terra, Club Cultura ou Expreso de Medianoite.
Coincidindo coa celebración das Letras Galegas, a RAG reforzou ademais a divulgación da figura de Begoña Caamaño a través de múltiples contidos dixitais. Entre eles destacan o documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, a serie de reels É o tempo de Begoña Caamaño e o primeiro videopódcast da Academia, Colchas de voces, centrado nos temas que marcaron a súa obra e pensamento.
A programación complétase con propostas destinadas ao público infantil e xuvenil a través de Primavera das Letras, que inclúe actividades interactivas, materiais didácticos e o texto teatral Uuu-uuu, BEGOÑA!, da escritora An Alfaya.