lunes. 17.11.2025

No treito final deste ano dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, a Real Academia Galega porá o ramo á conmemoración cunha xornada de análise e reflexión desde unha ollada contemporánea. O Simposio das Letras Galegas 2025 terá lugar o sábado 22 de novembro en Muxía, vila natal dunha das sete homenaxeadas deste ano, Eva Castiñeira, e celebrarase cun programa aberto ao público que se estenderá ata o 31 de decembro, data de peche oficial da celebración.

O académico Antón Santamarina, coautor xunto a Dorothé Schubarth do Cancioneiro popular galego, destaca o éxito desta edición: “Nunca unha celebración das Letras Galegas tivo unha resposta popular coma a deste 2025”, afirma. Santamarina coorganiza o simposio xunto a María López-Sández e Víctor F. Freixanes, nun programa que procura afondar no valor do cantigueiro como espello da vida material e espiritual do pobo galego, así como no papel histórico dos recolleitores do folclore galego e no emprego didáctico destas composicións.

Xénero, clase e novas perspectivas sobre a tradición

O simposio incluirá unha mesa redonda na que se revisarán as cantigas desde as perspectivas do xénero e da clase social. Participarán nela Domingo Blanco, autor de A Poesía Popular de Galicia (1745–1885); a profesora e intérprete Branca Villares; e a etnomusicóloga Xulia Feixoo, con Santamarina como moderador. Tal e como apunta López-Sández, moitas cantigas nacen dunha visión patriarcal, mais ao mesmo tempo as mulleres foron protagonistas esenciais na creación, conservación e transmisión do cancioneiro, sendo tamén quen de introducir dobres sentidos que cuestionan ese paradigma.

A reflexión abordarase tamén desde a perspectiva social, afondando na relación entre as clases populares creadoras das coplas e as elites culturais –fidalguía e burguesía– que contribuíron á súa recolla e difusión. “A cultura galega construíuse desde alianzas profundas entre o pobo e figuras como Rosalía de Castro ou Eduardo Pondal”, sinala López-Sández.

Un programa centrado na investigación e na proxección futura

A xornada, organizada pola RAG coa colaboración da Xunta, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o Concello de Muxía, abrirase ás 9:45 horas cun relatorio da etnomusicóloga Xulia Feixoo, seguido da intervención de Sergio de la Osa. Pola tarde, Manuel Rico Verea repasará a edición dos cancioneiros populares desde Marcial del Adalid ata o traballo de Schubarth e Santamarina.

Despois, nun diálogo conducido pola académica Ana Boullón, o músico Xabier Díaz, Richi Casás —neto e sobriño neto de dúas das homenaxeadas, Rosa e Adolfina Casás Rama—, e Isabel Vigo, do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, analizarán o impacto destas Letras e os retos da tradición no futuro.

O encontro pecharase coa actuación da A.C. Abaladeiras de Muxía, exemplo vivo da efervescencia cultural ligada á lingua e á música tradicional que, segundo López-Sández, explica o “enorme impacto social” da edición de 2025.

Un ano, tres territorios e unha homenaxe colectiva

O Simposio de Muxía culminará un programa das Letras Galegas estendido por tres espazos vitais das homenaxeadas: Cerceda, Malpica e Muxía. En Cerceda presentouse en marzo a edición infantil Primavera das Letras, con estrea teatral do alumnado do CEIP Celso Emilio Ferreiro, mentres que Malpica acolleu o pleno extraordinario do 17 de maio.

Ademais da programación presencial, a RAG produciu a serie audiovisual Se canto é porque quero e editou o volume Por que non hei de cantar?, coordinado por Manuel Rico Verea e dispoñible en academia.gal.

A Real Academia Galega celebrará en Muxía o Simposio das Letras 2025 para afondar na...
Comentarios