As Letras Galegas das cantareiras e da poesía popular oral viven hoxe a súa derradeira gran cita presencial co simposio que a Real Academia Galega celebra no Parador de Muxía. A xornada, aberta ao público, serve para facer balance dun ano dedicado á tradición oral e para reflexionar sobre o futuro deste legado nun momento de forte conexión coa mocidade.
O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, salientou a “extraordinaria acollida” das Letras deste ano en todo o país e agradeceu a implicación do tecido asociativo de base. “Contribuíu á visibilidade e ao apoderamento das cantareiras de cada concello e parroquia, homenaxeadas en todos os recantos de Galicia. Pero o que máis nos emociona é a positiva recepción da xente máis nova, que goza da tradición, lle abre novos vieiros e conecta a través dela co galego”, subliñou.
O simposio abriu coa intervención de Monteagudo, da académica María López-Sández, do secretario xeral da Lingua, Valentín García, e do alcalde de Muxía, Javier Sar, en representación das institucións colaboradoras. No equipo organizador participan tamén os académicos Víctor F. Freixanes e Antón Santamarina, coautor xunto á etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth do Cancioneiro popular galego.
Tradición, mocidade e novas canles
Un dos eixes do encontro é a análise do impacto que tivo este Ano das cantareiras na relación entre tradición e cultura de masas. López-Sández subliñou que as Letras permitiron “unir o mundo do asociacionismo e da alta cultura co da cultura popular e mediática” e puxo o foco nas novas xeracións, que están a retomar o legado empregando novas canles e situándoo en espazos contemporáneos.
Sobre estes novos camiños da tradición afonda a mesa redonda moderada por Ana Boullón, impulsora da candidatura das Letras das cantareiras, coa participación dos músicos Xabier Díaz e Richi Casás —neto e sobriño neto de Rosa e Adolfina Casás, dúas das sete cantareiras homenaxeadas o 17 de maio— e da técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), Isabel Vigo. Boullón defendeu a necesidade de que a tradición se adapte aos tempos para garantir a súa pervivencia e captar novo público entre a mocidade, combinando vías máis ortodoxas con propostas innovadoras.
Xénero, clase e poesía popular
O simposio dedica outro bloque ás variables de xénero e clase na poesía popular oral. López-Sández lembrou que este 17 de maio puxo o foco nas mulleres transmisoras da tradición, personificadas na muxiá Eva Castiñeira, nas Pandeireteiras de Mens e en Rosa e Adolfina Casás. O obxectivo é analizar tanto o reflexo da sociedade patriarcal nas coplas como as voces que a contestan, así como a intersección entre xénero e clase nun patrimonio creado por labregas e xente do mar, moitas veces analfabeta.
A mesa redonda sobre xénero e clase, moderada por Antón Santamarina, conta coa etnomusicóloga Xulia Feixoo, o investigador Domingo Blanco e a profesora e intérprete de música tradicional Branca Villares. Feixoo foi tamén a encargada da conferencia inaugural, na que afondou no coñecemento legado polas cantareiras e na foliada como fenómeno sociocultural contemporáneo. “A voz colectiva foi un modo de facer comunidade e de habitar o territorio; fronte á uniformidade sonora da modernidade, o cantigueiro ofrece outra forma de estar no mundo”, defendeu.
O musicólogo Sergio de la Ossa imparte a segunda conferencia, centrada na relación entre letra e música. Lembra que “a música é soporte da memoria” e que moitos versos só se recuperan cando se cantan, o que converte o texto nun “acontecemento memorable”. Na sesión da tarde, Manuel Rico Verea repasa a historia dos cancioneiros galegos a partir das melodías recollidas por Marcial Valladares, denunciando a falta de rigor e de referencia ás fontes en moitas publicacións históricas.
Da pobreza feminina ás regueifas e ás novas foliadas
Na mesa sobre xénero e clase analízase tamén como o cancioneiro recolle a pobreza e a violencia estrutural contra as mulleres. Branca Villares aborda a pegada desa realidade nas cantigas e o paso das pandeireteiras á esfera pública, así como o actual proceso de “renaturalización” da tradición a través das novas foliadas e das tocadoras de pandeira.
Pola súa banda, Domingo Blanco céntrase na regueifa como “espectáculo popular rural” e subxénero das cantigas populares, desde o seu esplendor na comarca de Bergantiños nos anos 50 e 60 ata o declive a finais dos 70 coa mudanza dos gustos e das formas de festa. Lembra figuras como o regueifeiro Blanco de Traba ou as regueifeiras como Leonarda de Tallo, atrevida nas súas improvisacións contra os homes.
Balance dun ano expansivo e retos de futuro
Xa na recta final da xornada, a mesa Cantareiras: balance dun ano e perspectivas de futuro da tradición reúne Xabier Díaz, Richi Casás e Isabel Vigo. Díaz considera que estas foron “unhas das Letras máis expansivas”, cunha gran mobilización do movemento asociativo da música tradicional e un achegamento á sociedade en xeral. Destaca o recoñecemento ás cantareiras como “grandísimas mestras” e amósase optimista pola forza do patrimonio inmaterial galego: “En poucas partes se tocan pandeiretas como aquí, por decenas de milleiros de persoas”.
Casás subliña o impulso que este ano supuxo para a difusión de arquivos institucionais e privados, e reivindica facilitar o acceso a estes fondos para seguir avanzando no estudo da poesía popular oral. Vigo, desde o APOI, acredita o efecto destas Letras: só en maio o repositorio do arquivo rozou as 11.000 descargas e a exposición dedicada ás cantareiras chegou ás 24.000 visitas, ademais de recibir novos materiais e información sobre as informantes.
O simposio rematará ás 19.30 horas coa actuación da A.C. Abaladeiras de Muxía, poñendo música a un peche de ano no que a Real Academia Galega reivindica a tradición oral como forza viva, chave para facer comunidade e para seguir ensanchando os vieiros da lingua galega entre as novas xeracións.
