A RAG abre en Vigo a semana das Letras Galegas coa estrea pública do documental sobre Begoña Caamaño

Participantes e integrantes do elenco do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul durante a presentación da produción na ESAD de Galicia, en Vigo.
A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia acollerá o luns 11 de maio a presentación de Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, unha homenaxe audiovisual á escritora e xornalista viguesa que contará cun coloquio cos directores, intérpretes e participantes do filme.

A Real Academia Galega (RAG) regresará o vindeiro luns a Vigo para abrir a semana das Letras Galegas cunha homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño (1964-2014), figura á que se dedica este ano o 17 de maio. A cidade olívica, onde a autora naceu e medrou, acollerá tamén tras o verán o Simposio das Letras Galegas.

O acto central desta primeira cita será a presentación pública do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, que terá lugar o 11 de maio ás 19.00 horas na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD de Galicia), con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Intervención dunha das participantes na presentación pública do documental sobre Begoña Caamaño na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

A proxección permitirá ver en pantalla grande unha peza audiovisual que xa está dispoñible na web da Academia e participar posteriormente nun coloquio cos directores do filme, Damián Varela e Alba López, integrantes do elenco e outras persoas participantes na produción. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, abrirá o acto, mentres que o académico correspondente Ramón Nicolás conducirá a conversa.

O documental constrúe un retrato coral da autora de Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, obras marcadas pola reinterpretación feminista dos mitos clásicos. A través de distintas voces próximas á escritora, a película percorre tanto a súa dimensión literaria como a súa traxectoria xornalística e o seu compromiso coa lingua galega e co activismo social.

Entre as persoas que participan no documental figuran a súa irmá Beatriz Caamaño; a actriz viguesa Maika Aguado, amiga da infancia; a xornalista Amanda Álvarez; o académico e editor Víctor F. Freixanes; a historiadora Susana Reboreda; a académica Ana Romaní e a crítica literaria María Xesús Nogueira, coautoras da recente biografía Volveredes brindar por min.

A produción incorpora ademais secuencias dramatizadas interpretadas por alumnado da ESAD Galicia. Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez dan vida a fragmentos da obra de Caamaño en espazos como a praia de Barra. A bailarina Elsa Pereira protagoniza as escenas inspiradas en Morgana en Esmelle, acompañadas pola voz orixinal da escritora en materiais sonoros recuperados do arquivo da CSAG.

O filme tamén recupera episodios da infancia da homenaxeada coa participación das nenas Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán, da escola de teatro Imaxinatea Labcreativo de Vigo. A praia do Tombo do Gato convértese así nun escenario simbólico da liberdade e da creatividade da futura autora.

A mocidade ocupa igualmente un lugar destacado no documental, con reflexións arredor da obra e do legado de Begoña Caamaño realizadas por alumnado do IES Castelao e do IES Alexandre Bóveda de Vigo, centro no que estudou a escritora, ademais dun club de lectura que tamén aparece na película.

A primeira presentación do documental celebrouse o pasado 10 de abril no antigo Instituto Coia 2, dentro dun acto de homenaxe organizado polo centro educativo. A RAG escolleu tamén o CEIP O Pombal, no barrio da infancia da autora, para presentar a nova edición de Primavera das Letras, iniciativa infantil arredor da figura homenaxeada. A escritora An Alfaya asinou o texto teatral dedicado a Caamaño, ilustrado por Laura Romero e dispoñible para descarga na web do proxecto.

Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul é unha produción da Real Academia Galega realizada por Miramemira co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.