Rafa Domínguez presenta a reflexión de Alberto Barreiro sobre a Intelixencia Artificial e a arte no ciclo "Conversas con arte"

Rafa Domínguez convida a reflexionar sobre a Intelixencia Artificial no ciclo Conversas con arte.
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra inaugurou a segunda edición do ciclo co artista pontevedrés, quen presentou o seu proxecto "Máquinas de Invocar".

O Salón de Plenos do Pazo provincial acolleu a presentación da quinta conferencia do ciclo "Conversas con arte", protagonizada polo artista pontevedrés Alberto Barreiro. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, destacou que o obxectivo desta iniciativa é "achegar á cidadanía as grandes figuras da cultura galega, apoiar, impulsar e promocionar o renacemento cultural que está a vivir Galicia e servir como tribuna de análise de cuestións de actualidade". Neste contexto, Domínguez convidou a reflexionar sobre a Intelixencia Artificial e a súa relación coa arte a través da visión de Barreiro.

Rafa Domínguez subliñou que "Conversas con arte" responde a unha aposta persoal a través do Museo de Pontevedra para "seguir avanzando no posicionamento da provincia como lugar cultural por excelencia e difundir as diferentes manifestacións artísticas que xurdiron e xorden tanto na provincia como no conxunto de Galicia". Engadiu que "nada mellor para avanzar neste camiño que coa reflexión, co debate, coa análise da man de Barreiro, estratega ademais de artista, que leva máis de tres décadas explorando a creación e o cultivo de significado a través da arte, o deseño, o emprendemento, a educación e a consultoría estratéxica".

Alberto Barreiro toma o relevo de artistas como José María Barreiro, Antón Pulido, César Antonio Molina e Gervasio Sánchez, participantes na primeira edición de "Conversas con arte". Na súa conferencia, que proximamente estará dispoñible en vídeo e pódcast nas plataformas YouTube e Spotify, presentou "Máquinas de Invocar", un proxecto artístico que transforma a Intelixencia Artificial nunha ferramenta poética capaz de cultivar significado e afondar na conexión humana, resignificando a tecnoloxía como creadora de beleza e sentido.

Barreiro, formado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, conta cunha ampla traxectoria profesional en organizacións como Yahoo!, a canle de televisión británica ITV ou o Grupo Prisa. Ademais, desenvolveu metodoloxías innovadoras de combinación de arte, deseño e tecnoloxía a través de proxectos propios como "Webjam" ou "Meaning". Actualmente é Director de Transformación Creativa en VML The Cocktail, codirector do programa "Become" en Kaospilot (Dinamarca), profesor de Deseño Estratéxico no Instituto de Empresa de Elisava (Facultade de Deseño e Enxeñería de Barcelona) e colaborador en El País Retina.