jueves. 25.04.2024

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe a primeira edición do programa Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio, unha nova iniciativa da Xunta que, nas súas palabras, supón unha “aclamación conxunta dun dos maiores bens culturais que ten a nosa Comunidade”. O ciclo desenvolverase do 2 de xullo ao 29 de agosto en 27 espazos singulares de toda Galicia, que acollerán outras tantas actuacións de 30 formacións artísticas.

A partir da convocatoria pública que se activou coincidindo coa celebración do Día Internacional da Danza, seleccionáronse as 23 compañías galegas que, xunto con sete formacións convidadas do resto de España, Francia e Portugal, lle dan forma a esta iniciativa a través da que a Consellería de Cultura busca compartir co público o “magnífico momento creativo” da danza en Galicia, ao tempo que poñer en valor o noso gran patrimonio cultural e paisaxístico.

Así o expresou Román Rodríguez na presentación celebrada hoxe no miradoiro da Catedral, no Paseo dos Leóns da Alameda de Santiago de Compostela, na que estivo acompañado por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Manu Lago, representante da produción do programa, así como varias das compañías e artistas participantes.

Do mesmo xeito, o titular de Cultura lembrou que, ademais deste programa, este verán a Xunta de Galicia vai impulsar máis de 3.000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se sumarán á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecerán a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as artes escénicas e propostas culturais e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.

POTENCIAL

“Propulsa Danza é un marco de diálogo entre disciplinas e expresións culturais, que permitirá exhibir todo o potencial creativo e patrimonial que atesoura Galicia”, sinalou o conselleiro, ao tempo que puxo varios exemplos dos enclaves emblemáticos nos que se desenvolverá o ciclo, como o Cabo Fisterra, o miradoiro da Punta do Castro en Ribeira ou o castelo de Monterrei. O calendario de actuacións arranca o 2 de xullo no peirao de Rinlo, en Ribadeo, e finalizará o 29 de agosto no Castro de Troña, en Ponteareas.

Esta iniciativa insírese na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia para o desenvolvemento de diferentes propostas culturais no marco do Xacobeo 21-22. Neste sentido, Román Rodríguez incidiu na participación e descentralización, na sostibilidade e na diversidade como catro das principais características da programación cultural coa que se celebra o Ano Santo e que se manifestan, así mesmo, en Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio.

PLAN INTEGRAL

A posta en marcha do ciclo súmase ás diferentes accións desenvolvidas pola Xunta a prol da promoción da danza como piar básico da cultura galega. Entre elas, destaca o Plan Integral para a Danza de Galicia, a través do que se trazará a folla de ruta para reforzar o apoio á creación, produción e exhibición coreográfica e que nestes momentos se atopa en fase de redacción tras rematar un amplo proceso participativo co sector e coa cidadanía.
 

'Propulsa', danza de 30 compañías en 27 espazos singulares