viernes. 26.04.2024

A Xunta vén de abrir unha nova convocatoria de axudas dirixidas ás librerías, para apoiar as actividades de difusión do libro e a lectura. Trátase dunha medida enmarcada no apoio do Goberno autonómico á industria editorial que conta cun incremento orzamentario de 12%, e enmárcase Plan de Reactivación da cultura en marcha para contribuír a reactivación do sector, que se reforza este ano con 23 millóns de euros.

Segundo publica o Diario Oficial de Galicia poderán optar a estas axudas os titulares de librarías que desenvolvan a súa actividade en Galicia. En concreto, as achegas irán destinadas a actividades como presentacións, encontros, lecturas ou actividades similares levadas a cabo no propio establecemento, así como actos de difusión dos libros e a lectura realizados a través da páxina web e redes sociais da libraría, entre outras accións de difusión. Estas actividades deberán realizarse desde a resolución desta orde ata o 15 de novembro de 2021.

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes de xeito telemático ata o 14 de xuño. Entre os documentos que deberán presentar inclúese unha memoria detallada das actividades de difusión que levarán a cabo nos distintos formatos e soportes previstos.

AXENTES CULTURAIS

Esta liña de subvencións pretende apoiar as librarías non só como puntos esenciais na venda e comercialización de libros, senón tamén como axentes culturais e activo indispensable para a industria do libro. Do mesmo xeito, trátase de espazos fundamentais de mediación e dinamización cultural a través do contacto entre autores e lectores.

A estas axudas súmase a contribución que o Goberno galego está a facer de xeito específico ás librarías para o mantemento das distintas Feiras do Libro de Galicia. En colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia, nestes momentos estase a celebrar a de Santiago de Compostela e o calendario completarase con 11 paradas máis en diferentes cidades e vilas ata agosto. Este ano, a Xunta reforza as súas achegas para a industria editorial con incrementos do 12% en promoción da lectura ou a inclusión de novas partidas para a promoción e comercialización do libro en librerías. Ademais, están en marcha apoios a bibliotecas escolares para fomentar a lectura, entre outras.

Promoción do libro e a lectura