martes. 25.06.2024

Os principais logros e retos na procura de planetas habitables ou a repercursión que terán na sociedade e a industria os avances na exploración espacial

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebra a vindeira semana un ciclo de conferencias baixo o título “Fronteiras, dende a orixe do universo ata a exploración espacial”. As charlas terán lugar do 10 ao 13 de xuño, das 17:00 ás 20:30 horas, e tamén poderán seguirse en directo a través da canle de Youtube da RAGC.
Ana Ulla.
Ana Ulla.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebra a vindeira semana un ciclo de conferencias baixo o título “Fronteiras, dende a orixe do universo ata a exploración espacial”. As charlas terán lugar do 10 ao 13 de xuño, das 17:00 ás 20:30 horas, e tamén poderán seguirse en directo a través da canle de Youtube da RAGC.

O ciclo está coordinado pola catedrática de Astronomía e Astrofísica da Universidade da Coruña Minia Manteiga, académica e secretaria da RAGC; e pola catedrática de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Vigo Ana Ulla. Tal como explican, “o ciclo pretende dar a coñecer algúns aspectos concretos do estudo do cosmos que están a ter un desenvolvemento moi rápido e interesante nos últimos anos”.

Minia Manteiga.
Minia Manteiga.

Nestas xornadas participarán recoñecidos expertos, investigadores e representantes de organismos do ámbito galego, nacional e europeo. Exploraranse temas fundamentais que abranguen desde a orixe do cosmos ata a procura de vida extraterrestre e a exploración espacial nos nosos días. Abordarán así mesmo os principais logros e retos na procura de planetas habitables máis alá do noso, e os avances na observación e na exploración espacial que se están a acadar cos telescopios en órbita.

“Este ciclo de conferencias ofrece unha oportunidade única para adentrármonos nos misterios do universo a través da astronomía moderna, inspirando á próxima xeración de científicos e científicas, e fomentando o interese xeral na exploración e o descubrimento científico. A astronomía desafíanos a considerar as infinitas posibilidades de estudo máis aló do noso planeta, avanzando no entendemento dos misterios do cosmos e o noso papel nel” -manifestan as expertas-.

O coñecemento astronómico conleva importantes innovacións tanto no eido socioeconómico como no industrial

“Dende os primeiros calendarios luni-solares ata os grandes telescopios da nosa era, na actualidade practicamente non queda campo do saber humano que non estea impregnado, directa ou indirectamente, polo coñecemento astronómico. Algunhas das achegas recentes, científicas ou tecnoloxías, levan aparelladas transformacións de importante calado socioeconómico ou industrial que veremos medrar nos vindeiros anos” -salientan as coordinadoras do ciclo-.

As investigadoras apuntan que “a transcendencia do entendemento do universo no que vivimos fai necesario despregar todos os esforzos por informar, formar e reflexionar sobre o coñecemento astronómico e astrofísico actual”. Nesta liña, consideran primordial abordar aspectos como o estado da investigación e o desenvolvemento deste ámbito científico-tecnolóxico; o impacto dalgúns temas sensibles como a expansión do universo ou a busca de vida fóra da Terra; e a transformación e a innovación previsibles para a industria ou a sociedade en xeral cos novos avances na observación e exploración espacial, tendo en conta ademais o papel central da recentemente creada Agencia Espacial Española (AEE).

O ciclo diríxese a todo o público interesado neste eido, en particular a estudantes de Grao, Mestrado e Doutoramento en áreas afíns á física, matemáticas, informática ou enxeñaría. Buscarase a participación activa dos asistentes durante as diferentes sesións, sobre todo durante o debate que pechará cada xornada.

A primeira sesión celebrarase o 10 de xuño en Santiago, no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE-USC). A segunda terá lugar o día 11 no salón de actos do Campus de Ferrol. O 12 será no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. E o ciclo pecharase o 13 na Coruña, na Casa das Ciencias.

O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias, de xeito presencial ou en liña, xa está aberto: https://forms.gle/FZ6hAQovKHtncLEx9

Os principais logros e retos na procura de planetas habitables ou a repercursión que...
Comentarios